RIVEIRA - A praza de abastos acolleu a presentación autonómica dunha campaña internacional

RIVEIRA - A praza de abastos acolleu a presentación autonómica dunha campaña internacional
Diario de Arousa-2016-05-17-016-bb3b8701_1

A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, participou onte na recén estreada praza de abastos de Riveira na presentación autonómica da iniciativa internacional “Quere o teu mercado” -Love Your Local Market-, que en Galicia impulsa a Consellería de Economía xunto cos concellos e asociacións e federacións de praceiros. Preto de 90 mercados galegos -case o dobre que o ano anterior- e 3.000 vendedores súmanse á campaña que se celebrará ata finais de mes en 17 países de Europa, América e Asia. 
En “Quere o teu comercio” desenvolveranse propostas para visualizar e promocionar as prazas como pezas clave do comercio de proximidade, como a celebración o 28 de maio do Día do Mercado. Vázquez sinalou que o obxectivo da campaña pasa por poñer en valor a calidade e profesionalidade das prazas galegas. Tras indicar que o lema escollido este ano a nivel internacional é “Mercados, a túa opción saudable!”, a directora xeral suliñou a contribución das prazas de abastos a unha alimentación equilibrada, achegando os mellores produtos locais e contribuíndo á creación de riqueza e emprego.
Entre as actividades que se celebrarán nos vindeiros días inclúense degustacións gastronómicas, actuacións musicais e teatrais, charlas informativas, iniciativas nas redes sociais, sorteo de agasallos e outros. Moitas das propostas céntranse en achegar aos máis pequenos ata as prazas de abastos. Así, concellos e comerciantes organizan visitas de escolares, obradoiros musicais e de cociña. Ademais, no Día do Mercado distribuirase un conto infantil editado pola Xunta co obxectivo de presentar aos máis cativos esas instalacións dunha forma amena e divertida.
No acto en Riveira, no cal o cociñeiro do Grupo Nove  Iñaki Bretal, do restaurante Eirado da Leña, realizou un showcooking, aproveitouse para dar a coñecer a nova aplicación móbil a través da cal os usuarios poden acceder de forma rápida a información sobre os mercados, prazas de abastos ou feiras tradicionais próximas, que se poden buscar nun xeolocalizador. Os que descarguen esta app de Mercados e Prazas de Galicia poderán consultar ubicación, horarios, servizos, enlaces directos ás webs, perfís nas redes sociais, e á tenda on line dos mercados que dispoñen dela. Dará acceso ás novas relevantes do ámbito e difundirá os eventos que se celebren nos diferentes mercados e accións de fidelización dos mesmos.

RIVEIRA - A praza de abastos acolleu a presentación autonómica dunha campaña internacional

Te puede interesar