Quince anos xa dun referente

Quince anos xa dun referente
O Clube Náutico de Pontecesures proclamouse o pasado ano campión de España en infantís e cadetes e campión de Galicia en alevíns e benxamíns



A finais do ano 2001, a Universidade de Santiago de Compostela desvinculouse do deporte náutico e do clube que se situaba no Concello de Pontecesures logo de 35 anos de historia náutica na localidade. Foi entón cando Anxo Barreiro Barreiro deu un paso adiante e colleu o temón dun barco á deriva, sen actividade e sen deportistas nin instalacións. O pasado luns o Clube Náutico de Pontecesures cumpriu 15 anos nunha situación moi diferente. Está considerado por todo o piragüismo galego e nacional como un dos mellores de España logo do traballo feito por Barreiro neste tempo. Un exemplo de como levantar unha entidade con perseverancia e talento.
Quince anos despois o clube conta con innumerables títulos a nivel estatal e autonómico. Os seus deportistas forman parte da selección galega e tamén integran o equipo nacional concentrados en Centros de Alto Rendemento en Asturias e Sevilla. Nomes importantes de grandes deportistas naceron no berce do Clube Náutico Pontecesures. É o caso de André Oliveira, o seu primeiro deportista internacional. Álvaro Loureiro e Adrián Vicente, concentrados no Centro Galego de Tecnificación Deportiva. Marcos Cascallar, integrante do equipo nacional júnior e segundo internacional do clube. E Camila Morison, actualmente integrante do Equipo Nacional Sub 23 concentrada no Centro de Alto Rendemento da Cartuxa en Sevilla, e cun palmarés deportivo extraordinario. A cesureña conta con dúas medallas a nivel internacional en sendos Campeonatos de Europa, bronce e prata, e cunha medalla de bronce no ano 2014 nos Xogos Olímpicos de Nanjing (China). Ademais foi subcampiona do Mundo en 2016 en Bielorrusia. Unha deportista que será galardoada na Gala do Piragüismo Galego este sábado como mellor promesa feminina do piragüismo galego.
Tamén na modalidade de maratón, o Náutico Pontecesures ten nomes destacados como Adrián Castiñeiras, Fabián Domínguez, José Ramón Estévez e Jorge Diéguez, que representaron a España no Campionato de Europa, e no caso do último regresando cunha medalla de bronce. A esta lista hai que engadir a deportistas como Pedro Citoula, Iria Romero e Araceli Baleirón, integrantes da selección galega de piragüismo e concentrados no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra esta temporada.
En quince anos o Náutico de Pontecesures convertíuse no clube con maior actividade por número de licenzas en Galicia e tamén en España, o que determina a enorme dimensión deportiva acadada. Só no 2016, proclamouse campión de España de Promesas, que engade as categorías Infantil e Cadete, e tamén logrou o Campionato Galego de Alevíns e Benxamíns.
Anxo Barreiro recorda os inicios a principios de século. "Era moi desolador, non sabía por onde comezar, faltaba de todo no referente a medios materiais”, explica o presidente e adestrador, que pertenceu ao antigo Club Universitario como deportista.
“Recuperar a actividade supoñía despertar de novo o interese dos máis pequenos polo piragüismo”, comenta Barreiro, que non tivo axuda institucional. “Se non tes actividade non tes axudas e se non tes axudas non podes comprar material”, lamenta. A captación e o grupo de traballo de directivos foi determinante para chegar á excelente situación deportiva actual. Pero aínda hai moita marxe de mellora. “Temos problemas importantes derivados do enorme crecemento do clube. Temos unha instalación que se nos queda pequena en todo, vestiarios, sistema de auga, ximnasio...As furgonetas teñen máis de dez anos e aínda que mantemos todo perfectamente revisado, son elementos que tarde ou cedo hai que cambiar”.
O Náutico de Pontecesures pelexa con “recursos económicos cada vez máis xustos” para afrontar grandes gastos e poder ofertar unha actividade de calidade para os deportistas. Pero non está só, conta con 70 colaboradores e patrocinadores que dentro das súas posibilidades apoian un proxecto que medrou sen parar nestes quince anos.

Quince anos xa dun referente

Te puede interesar