A Selección Galega feminina xogará na Lomba con Cataluña o 22 de decembro

A Selección Galega feminina xogará na Lomba con Cataluña o 22 de decembro
Mari Paz Vilas, que da nome ao campo de Bamio, xogará na casa coa Selección Galega g. salgado



A Selección Galega feminina de fútbol está de volta. E o escenario elixido para que a Irmandiña xogue o 22 de decembro ante Cataluña un partido amistoso é o campo da Lomba, en Vilagarcía. A Federación Galega que preside o ribadumiense Rafael Louzán chegou a un acordo co alcalde Alberto Varela e o concelleiro de Deportes, Argimiro Serén, esta semana para que a candidatura do campo municipal arousán, que cumpre nesta temporada setenta anos, sexa o foco de atención de todo o fútbol galego este Nadal. Sobre a mesa, a Federación tiña outras alternativas, como O Couto (Ourense), pero finalmente frutificou a candidatura de Vilagarcía polo interese mostrado polo goberno municipal e a raigame que acadou o fútbol feminino na comarca os últimos anos grazas ao Ana Vidal Atlético Arousana, pioneiro dos clubes galegos en competir en categorías nacionais. Todas estas foron cousas que tivo moi en conta a Federación para traer este histórico evento á Lomba logo de acadar o acordo coa Federación catalana.
Xa en abril, un mes antes de que a selección masculina desputase un amistoso ante Venezuela en Riazor, o Concello de Vilagarcía trasladara o seu interese en acoller un partido da selección feminina, un dos compromisos acadados polo novo presidente Rafael Louzán. Os federativos estiveron traballando para organizar á volta do combinado feminino, onde destacan as internacionais Vero Boquete e Mari Paz Vilas. Para esta última, dianteira vilagarciá do Valencia CF, será moi especial volver a defender a camiseta galega na súa casa.

Galicia terá diante a Cataluña, con numerosas internacionais. Un rival moi potente que venceu á Irmandiña en 2007 en Balaídos por 1-6. Naquela ocasión, o gol de Galicia foi obra de Mari Paz. O ano seguinte Galicia desputou o seu último partido amistoso, foi en Pasarón contra Baleares con vitoria por 7-1 e dous tantos da dianteira de Bamio, que é a máxima goleadora da Selección Galega.
O partido dará comezo ás 19 horas e será retransmitido en directo polas televisións de Galicia e Cataluña. A presentación oficial do partido levarase a cabo nos próximos días e será aí cando se amplíe información sobre o prezo das entradas, o seu sistema de venda e todo o relativo ao encontro.
A dirección deportiva da Federación decidiu que sexan os propios adestradores das seleccións galegas de base os que asuman tamén a dirección técnica da Absoluta. Quin Valbuena (seleccionador Sub-18) e Susú Cores (seleccionadora Sub-12) formarán un tándem técnico, mentras que Edu González (seleccionador Sub-16 e licenciado en INEF) realizará a función de preparador físico do equipo.

A Selección Galega feminina xogará na Lomba con Cataluña o 22 de decembro

Te puede interesar