“Vai ser unha Volta impredecible, hai que estar moi atento cada día”

“Vai ser unha Volta impredecible, hai que estar moi atento cada día”
Veloso é o líder do W52- FC Porto e aspira a gañar a sua terceira Volta a Portugal consecutiva w52 fc porto


Logo de 77 edicións da Volta Ciclista a Portugal tan só dous corredores lograron gañar a Grandíssima tres anos consecutivos. A principios da década dos setenta fíxoo o luso Joaquim Agostinho, mentras que o galego David Blanco acadouno de 2008 a 2010. A partir de mañá e ata o 7 de agosto será un vilagarcián, Gustavo César Veloso, o que loite por entrar neste exclusivo clube coroándose en Lisboa por terceira vez seguida aos seus 36 anos. Nas filas do W52, agora co respaldo dun xigante do deporte portugués, o FC Porto, o corredor de Bamio afronta o súa grande cita da temporada. Onte viaxou cara o país veciño. Tranquilo, responsabilizado e coa seguridade de ter o traballo de preparación ben feito. É o rival a bater nun pelotón de 144 corredores en representación de 18 equipos de España, Alemania, Colombia, República Dominicana, Rusia, Kazajistán, Francia, Suiza, Italia, Brasil e por suposto Portugal.

- Como foi a preparación este ano de cara á Volta?
- Coma nos últimos anos. Máis do mesmo. Estiven 23 días en Madrid, en Navacerrada no mes de xuño. Corrín o Trofeo Joaquim Agostinho, onde fun xa a competir e gañei a última etapa. Logo estiven unha semana en Manzaneda. Non cambiei nada na preparación, só tratei de continuar a evolución e pulir os meus puntos fracos, sen descoidar os meus puntos fortes. E estou no peso que teño que estar.

- O recorrido é diferente nesta edición...
- Non ten tantos finais en alto como noutras ocasións, pero son etapas moi duras. A única que é tranquila é a sétima que remata en Castelo Branco porque non hai ningún porto, pero o resto todas teñen algún porto ben cerca de meta ou algún circuíto complicado. Hai que estar atento todos os días.

- Cal vai ser a etapa e o día máis importante onde se pode decidir a clasificación?
- Na Señora da Graça o domingo 31 de xullo pódense marcar diferencias porque é un final en alto. E logo a etapa de Torre o mércores 3 de agosto vai marcar moito. Ao mellor non para gañar a Volta pero si para perdela. O que teña un momento malo nesa etapa vai perder moito tempo. O resto das etapas son emboscadas, podes non sacar nada en limpo en calquera delas pero si podes perder a Volta. Depende dos rivais e do que arrisquen en atacar de lonxe e intentar buscar sorprender. Vai ser máis impredecible que outros anos, por iso hai que estar moi atento cada día.

- Segue o ex corredor Nuno Ribeiro como director do equipo, coa entrada do FC Porto que cambios se produciron?
- Nada, simplemente que a cor do maillot é diferente. O equipo é o mesmo, temos novo patrocinador pero os contratos dos corredores estaban asinados antes de que entrase o Porto, entón pouca diferencia hai, salvo que hai máis seguimento a nivel mediático e máis xente pendente de ti. Para o ano que vén notarase máis diferencia.

- Cales van ser os rivais?
- Ven o Caja Rural con xente boa, hai que ver se veñen a desputar a Volta a Portugal para gañala ou a prepararse de cara a Volta a España. Depende dos obxectivos dos corredores que veñen haberá que contar con eles para a xeral ou non. Están Vilela e Goncalves do Caja Rural, tamén Pellizotti. E logo os de sempre: Marque, Rui Sousa, Joao Benta, Brandao...
- A Volta remata en Lisboa cunha crono individual de 32 quilómetros. Moi favorable non?
- Evidentemente favoréceme máis a min que aos escaladores, pero logo hai que darlle os pedais alí no momento e ter forzas para mover desarrollo. Se chego con forzas, evidentemente favoréceme moito.

- Como se leva o cartel de favorito? Moita presión?
- A presión que teño eu é a mesma que ten o equipo. Somos o favorito número un e imos á Volta a Portugal logo de gañar dúas. Toda a xente vai a estar pendente nosa. Nos fixemos todo a adestramento e todo o traballo que hai que facer e agora a carretera porá a cada un no seu lugar.

- Como está de forma aos 36 anos?
- Ben, atópome ben.

- Ten xerarquía en Portugal, se lle pasa o mesmo que a Froome no Tour cando correu sen bicicleta os xuíces actuarían igual?
- Non o sei, pero cando teño unha avería teño que ir coa bici ao lombo. Non correría só, levaría a bici como xa fixen en Brasil no Tour de Río.

- De novo a Volta a España en Galicia este ano, non sería boa idea traer á provincia a Volta a Portugal?
- Mellor que traer a Volta a Portugal a Pontevedra sería ter un equipo en Galicia que puidera correr a Volta a España. En vez de ter unha semana enteira de Volta a España poderíase traer só uns días pero ter un equipo galego que fai publicidade o ano enteiro. Pero iso é algo que non me corresponde decidir a min porque tampouco depende de min.

Estamos lonxe diso?
- A anos luz de momento. Non vexo vontade por parte de empresas privadas nin da administración pública. Non hai intereses en ter un equipo galego. O problema é que se politiza todo. Os xóvenes galegos teñen que correr en Portugal.

“Vai ser unha Volta impredecible, hai que estar moi atento cada día”

Te puede interesar