O agroalimentario e a Industria 4.0 achegan oportunidades aos novos perfís profesionais

O agroalimentario e a Industria 4.0 achegan oportunidades aos novos perfís profesionais
Un grupo de alumnos traballa nun laboratorio analizando plantas | Javier alborés

A formación e a contratación dos menores de 30 anos sen emprego en Galicia é o obxectivo do novo programa Emprega Xuventude, unha experiencia piloto pioneira en Galicia que combina por primeira vez formación e incentivos á contratación para mellorar a situación profesional da mocidade.

A iniciativa da Consellería de Economía, Emprego e Industria inclúe axudas a través dun bono de 7.000 euros. Desta forma, nunha primeira fase, de forma experimental, investiranse 3,5 millóns de euros, financiados a través do Sistema de Garantía Xuvenil, para beneficiar a 500 mozos e mozas que se poderán cualificar e traballar en dous dos sectores estratéxicos galegos: a Industria 4.0 e o agroalimentario.

O principal obxectivo é ofrecerlle á mocidade galega a oportunidade de formarse e acceder ao mercado laboral. Para mellorar a súa cualificación, outorgarase un bono de 2.000 euros aos participantes, que se formarán nas propias empresas, polo que a formación se centrará nas características do posto para o que é contratado o mozo ou moza. É dicir, a Xunta apoiará un plan de formación adaptado ás necesidades e habilidades do propio posto de traballo. Será, polo tanto, unha formación adaptada á demanda real das empresas galegas.

Para incentivar a contratación, haberá un segundo bono de 5.000 euros –tamén por participante–para empresas de sectores e liñas de negocio empresarial vinculadas á innovación tecnolóxica industrial ou ao sector agroalimentario. Os contratos deberán ter unha duración mínima de 12 meses. Para recibir o bono formación será indispensable que a compañía teña contratado ao mozo ou moza.

Do que se trata é de identificar novas saídas laborais para os novos perfís profesionais e poder, desta forma, contar con profesionais máis preparados en sectores que precisan cualificación especializada como son os dous nos que se centra este ano Emprega Xuventude.

Así mesmo, a Xunta prevé con esta iniciativa axudar ao tecido empresarial galego a gañar en competitividade ao dispoñer de traballadores máis axustados ás súas necesidades e contribuír a fixar poboación xuvenil nas vilas e cidades de Galicia.

Axenda 20

Emprega Xuventude forma parte da Axenda 20, a folla de ruta coa que o Goberno galego está impulsando o emprego estable e de calidade adecuando a formación dos traballadores galegos aos perfís profesionais que están demandando as empresas.

Dirixidas especificamente á mocidade, un colectivo prioritario en todas as políticas activas de emprego da Xunta, na Axenda 20 tamén se recollen as axudas para autónomos e a contratación con nove millóns de euros para beneficiar a 1.200 mozos e mozas; ou unha actuación que, dotada con 4,3 millóns, inclúe formación á porta para achegar os cursos a concellos que non contan con centros homologados. Neste caso, a previsión é impulsar a especialización de 2.500 persoas.

O agroalimentario e a Industria 4.0 achegan oportunidades aos novos perfís profesionais

Te puede interesar