Feijóo pon a Casares como exemplo para defender que a a lingua é “de todos”

Feijóo pon a Casares como exemplo 
para defender que a a lingua é “de todos”
O presidente da Xunta diríxese aos asistentes ao acto central do Día das Letras Galegas, que se celebrou en Xinzo da Limia | Brais Lorenzo (efe)

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, subliñou onte na localidade de Xinzo (Ourense) o “carácter comprometido” de Carlos Casares, escritor homenaxeado no Día das Letras Galegas, para reivindicar que a lingua “é de todos” e configúrase como “punto de encontro” e non patrimonio duns poucos. A vila ourensá acolleu a sesión da Real Academia Galega e que deu paso, acto seguido, ao descubrimento dunha placa na praza anexa á casa consistorial, que leva o nome do escritor ourensán homeaxeado.

Este acto contou coa presenza do conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; o presidente do Parlamento, Miguel Santalices; o alcalde da localidade, Antonio Pérez; o portavoz socialista, Xaquín Fernández Leiceaga –xa que Casares foi deputado autonómico polo PSdeG en 1981–, e do delegado de Goberno, Santiago Villanueva.

Na súa intervención, o titular da Xunta reivindicou a lingua galega con motivo da celebración do Día das Letras, “un día festivo para Galicia” e “un día especial para os galegos”, apuntou.

“Comunicador universal”

En referencia á homenaxe a Carlos Casares, Feijóo definiuno como unha “figura poliédrica”, da que destacou a súa faceta como “conversador, recopilador de anécdotas” e “viaxeiro” así como “comunicador universal”.

“Un galego que non emprega a lingua propia de Galicia non é un inimigo que é necesario combater senón un irmán que é necesario convencer”, manifestou Feijóo, quen se encargou de descubrir a placa dedicada a Casares.

Durante o seu discurso, o presidente resaltou “a contribución” de Casares ás institucións galegas, entre elas, o Conselo Galego, a editorial Galaxia ou o Parlamento, institución esta última na que “tendeu pontes que, entre outras, cousas, fixeron posible unha Lei de Normalización Lingüística” e que “cristalizou o galeguismo cordial e transversal” poñendo a “pedra angular da convivencia” coa lingua “como punto de encontro”, abundou. Tamén destacou a achega do escritor de “A galiña azul” e “Vento ferido” á literatura e que se plasmou “nunha obra fecunda” e ao mundo literario e intelectual e, en concreto, na literatura infantil e xuvenil de Galicia”.

Dentro das súas cualidades, resaltou o seu espírito comprometido “con ideas que unen e non que dividen” e que, segundo dixo “se traslada á lingua”.

Pola súa banda, o alcalde de Xinzo, Antonio Pérez puxo en valor, na súa intervención, a “bonhomía” e carácter entrañable de Casares para reivindicar o uso integrador deste intelectual ante a mirada atenta e emocionada dos seus familiares. “O papel de Casares non se entendería sen Xinzo nin as súas terras e que é un reflexo do que viviu e onde foi consciente do que era Galicia”, comentou o fillo maior do escritor, Hakan Casares.

“Festa para os nenos”

Ademais, o fillo do homenaxeado avogou por converter as Letras Galegas nunha “festa para os nenos”, para animarlles a “ler en galego” e gozar da cultura de Galicia co obxectivo de que “algún colla afección por escribir” e loitar “por esa Galicia que o seu pai soñou”.

Como colofón do acto, que contou coa interpretación do himno galego, o presidente da RAG, Victor Freixanes, puxo en valor o “carácter cívico” das Letras Galegas e asegurou que a cultura galega “non son catro provincias” senón todas as “Galicias representadas tamén no exterior”. Pola súa banda, o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, encargado de pechar o acto, reivindicou a defensa do territorio como a mellor forma de defender o galego onde axuntou “lingua e cultura”, dúas cualidades, dixo, que representa Casares.

Feijóo pon a Casares como exemplo para defender que a a lingua é “de todos”

Te puede interesar