Cambados.- “O matriarcado galego é un mito; o home sempre mandou”

Cambados.- “O matriarcado galego é un mito; o home sempre mandou”

Álvaro Gago naceu no 1986 en Vigo e tras estadías formativas nos Estados Unidos e en Inglaterra volve as súas orixes familiares cun novo proxecto cinematográfico no que, ao igual que sucedera coa curtametraxe “Curricán”, está ambientada nas paisaxes salinienses. Pero desta vez o director afonda nun tema ben diferente cunha creación audiovisual para “desmontar, visibilizar, xerar debate e reflexión sobre o matriarcado en Galicia, que é un mito, non existe”, manifesta de maneira contundente. 
Eses camiños da vida que o levaron ao estranxeiro tamén lle permitiron coñecer as vivencias dunha achegada e doutras mulleres provocando nel unha reflexión que colleu corpo tras constatar en investigacións e artigos, como os da xornalista Montse Dopico e obras como “Antropoloxía da muller galega”, que non entrara nun estado de tolemia e ía contradecir una idea histórica tan asumida pola sociedade como que Galicia é o claro exemplo do matriarcado. E quixo remover eses piares baixo unha sinxela pregunta: “Este é o matriarcado que defendemos?”. 
Segundo Gago, a realidade é un matrilineado, rexistrado sobre todo nas zonas costeiras onde, ás veces, morría o marido no mar ou non regresaba da emigración e “ás mulleres se lles amparaba facendo que herdaran as propiedades, pero non debe confundirse con que tiveran poder social ou político e incluso a nivel familiar, aínda que xestionaran a casa. Todo o contrario, sempre estiveron á sombra. O home era que mandaba e o sigue a facer agora”. 

un día calquera, ou non
Todo isto concéntrase en “Matria”; unha historia de ficción que narra un día na vida dunha traballadora da conserva que só atopa impedimentos e obstáculos para conseguir a súa única meta: comprar un agasallo para o aniversario da súa neta e chegar ao seu partido de baloncesto. 
O bar da lonxa cambadesa, o CEIP Torre-Illa, O Terrón, en Vilanova... Son algúns dos escenarios deste novo proxecto. A rodaxe comezará o 6 de marzo e estenderase ata o día 11 e os actores tamén son veciños da zona, como sucedeu en “Curricán” porque buscabamos xente cunha dicción e un movemento específicos”, explica o director. 

"crowdfunding"
Gago pon en marcha o proxecto xunto ao seu pai e o seu tío, Alberto e José, que lle aportan o arraigamento local que buscaba, pero detrás do proxecto hai máis implicacións. De feito, a conserveira cambadesa Daporta préstalle as súas instalacións e o proxecto colleu impulso tras unha campaña de “crowdfunding” para recadar fondos. 
A implicación de achegados, pero tamén anónimos, “desvinculados ao proxecto aos que lle picou o gusaniño”, permitiu sumar 10.000 euros a aportación persoal do director e botar a andar “Matria”. 
¿En canto ao futuro? Ao creador vigués gustaríalle chegar ao máximo número posible de cidadáns para “crear unha reflexión na zona”, chegando incluso ás escolas. Por suposto non descarta a presentación a festivais de curtametraxes para promocionala e poder seguir traballando porque “no Salnés hai moitas películas”, conta. No camiño de creación ten atopado “moitas historias” e ten “a sensación de que hai moito que sacar de xente que temos ao noso lado e que supón un exercicio de comprensión, para entendernos mellor”. 
“Matria” está en marcha e con ela unha nova contribución á filmografía saliniense e a unha perspectiva nova sobre o papel da muller galega. n

Cambados.- “O matriarcado galego é un mito; o home sempre mandou”

Te puede interesar