MEIS - “O PP xoga coa xente e promete emprego nun parque acuático para o que non hai un céntimo”

MEIS - “O PP xoga coa xente e promete emprego nun parque acuático para o que non hai un céntimo”
Diario de Arousa-2015-04-25-013-ec438522

Marta Giráldez é avogada e veciña de Paradela. Ten 38 anos e por terceira vez tentará quitarlle o bastón de mando ao PP en Meis, para darllo ao PSOE. Aparca por un intre unha mañá de asuntos xurídicos para falarmos de política.

Desta volta ao seu partido custoulle máis convencela para que fora a candidata.
Si, pero por temas meus de carga de traballo. Eu daquela era unha empregada e agora teño o meu despacho en Caldas e Pontevedra.

Bueno, que haxa traballo é bo e máis nesta época. É un problema o paro en Meis?
Moito. Pero o peor é xogar cos veciños, facendo falsas promesas de traballo, como fai o PP.

Non cre o do parque didáctico e de lecer, logo...
É unha tomadura de pelo. Xa no pasado programa do PP se falaba do parque acuático e dicíase que estaba o proxecto e a firma cos comuneiros. Logo resultou que non había tal acordo... Así que agora o proxecto cambia de nome e de comunidade de montes. E anuncian un elevadísimo número de empregos. Pero, ollo, custa tres millóns de euros, que xa se sabe que se din tres, van ser máis. E preguntamos: Como se pode ofrecer tal cousa cun Concello intervido, que non pode poñer un céntimo nin para asfaltar un camiño?

Pero antes de irnos do tema: A pesares do traballo, finalmente acepta ser a candidata. Por que?
Todo o mundo no partido poñía como esixencia que eu encabezase a candidatura: O cen por cen, incluidas as nove caras novas da nosa lista. Con este apoio está claro que non podía dicir que non. Creo que no PP non houbo esta unanimidade e que dentro da súa candidatura hai bastante descontento por como se fixo pública.
E como se fixo pública, logo?
Pois parece ser que proposta polo señor Louzán e sen consultar á  agrupación local.

O tema do censo. O PSOE tivo a oportunidade de alegalo porque a Oficina Electoral veuno inflado. O BNG denunciou, pero vostedes finalmente non. Por que?
Toda a agrupación socialista mantivo unha reunión para decidir. E foi moi longa. Puxemos pros e contras sobre a mesa e consideramos ao final que había que antepoñer os intereses dos veciños aos partidistas. Cremos que de impugnar o censo o prexudicado non ía ser o alcalde, senón os veciños, pola merma dos ingresos do Estado para o Concello. E todo a pesar de estar profundamente en desacordo coa forma de actuar do PP, empadroando xente en casas de membros do seu goberno.

Pero é un pouco contraditorio criticalo e non denuncialo...
Non. Polo que dicía de que o primordial é a defensa dos veciños. Nun Concello que está intervido ata o 2022 e no que pretendemos que se baixen as taxas que o PP subeu, o fundamental é non baixar en ingresos, coma estes do Estado.

O PSOE empregou este mandato as contas do Concello como ariete político. Tan mal están?
Si. Demóstrase pleno tras pleno,  nos que a interventora di que non se cumpren os parámetros do plan de axuste e non hai cartos no caixón para pagar a proveedores. Mentres, o PP segue coa única medida de sangrar aos veciños a impostos e a taxas.

Cal é a valoración xeral que fai desta lexislatura en Meis?
En infraestructuras fíxose cero: Nin un metro de pistas asfaltadas ata hai un mes, que tivo que vir a Deputación a socorrer ao alcalde. E en mantemento... Basta ver o centro de saúde de A Rochela, que cada vez que chove, chove dentro coma fóra. Parcelarias paradas, non hai centro de día, non hai prazas dabondo na gardería... Antes todo iso era culpa do bipartito, agora non sei a quen lla botarán.

E o PSOE que propón?
Ademais de resolver todas esas carencias, será fundamental o desenrolo do polígono. A parte de Meis está sin empezar. Disque a culpa tamén era de Touriño, pero o raro é que a parte de Barro si se fixo e alí tamén goberna o PP... Hai que atraer empresas, con convenios de redución de impostos a cambio de que contraten a veciños. Tamén queremos crear unha escola-taller, unha cooperativa hortifrutícola e un campamento de verán en A Armenteira, porque non todo o mundo pode permitirse o luxo de ir a unha pousada. E vivendas sociais, porque moita xente non se empadroa aquí porque tivo que ir a outros concellos na busca deste tipo de servizos.

As enquisas falan de desgaste do PP a nivel xeral. Iso pode trasladarse a Meis?
Así o cremos. Notámolo á hora de facer a lista, que foi máis sinxelo que noutros anos. A xente que antes calaba, agora maniféstase.

MEIS - “O PP xoga coa xente e promete emprego nun parque acuático para o que non hai un céntimo”

Te puede interesar