Cambados - “A min tamén me cae mal o Luis que describen os blogs, pero a honrado, eles non me gañan”

Cambados - “A min tamén me cae mal o Luis que describen os blogs, pero a honrado, eles non me gañan”
Diario de Arousa-2015-05-22-012-7881ec87

Luis Aragunde é o actual alcalde de Cambados, ten 43 anos e desborda ilusión por repetir no cargo. Confesa que este mandato foi duro por diferentes cuestións, como a crise económica, e incluso no persoal e na imaxe do seu partido, salpicado polos casos de corrupción, pero reta a calquera a amosar que é máis honrado ca el. Está convencido de que o PP volverá a sacar maioría absoluta; un resultado que consideraría como unha boa nova para o seu partido, pero sobre todo para os veciños, pois “son as que sacan os proxectos adiante. Cun tripartito sería complicado gobernar”.

Os grandes proxectos do programa de 2011 comezaron recentemente, que se fixo nestes catro anos?
Os investimentos se demoraron máis do esperado, pero é que os orzamentos mermaron nas administracións e aínda así non enganamos. Aí están a EDAR de Ribadumia –xa non hai cheiros–, o Centro de Día, o pavillón do Cabanillas, fixéronse novos parques e pistas nas parroquias, das que non nos esquecemos. De feito, estamos comprando máquinas e farase unha limpeza xeral en cada unha, cada mes, e imos renovar todo o alumeado.

A oposición acúsao de esquecerse dos máis desfavorecidos e veñen encadeando superávits no Concello, cre que se podía ter feito máis?
Á oposición non lle gusta falar de xestión económica porque sabe que o nivel está alto, como refliten Facenda e Hacienda. Somos un dos concellos máis saneados, dos que menos débeda per cápita ten, dos poucos que non acudiu aos créditos para pagar a acreedores, dos que máis destinan a Axuda no Fogar, Emerxencia Social.... Investimos máis de 400.000 euros neste ámbito e aínda que foran 800.000 euros, que non os temos, sempre diría que é pouco, e é certo, todo é pouco, pero tamén hai que investir en deporte base, cultura... No 2007 tiñamos 18 millóns de orzamento e agora non chegamos a 9, houbo que apretarse o cinturón e a medida que vaia aumentando, incrementarase esta partida.

Outra acusación recurrente foi que favorece a afíns ao PP, falando da Relación de Postos de Traballo (RPT) e da web municipal. Que ten que dicir a isto?
É esperpéntico que o PSOE interpoña un recurso contencioso contra unha RPT aprobada polo 80% dos delegados e apoiada pola maioría dos empregados. A señora Abal é a que favorece a unha minoría. E o da web, o PP contrata a quen quere e outra cousa sería que primeiro se contratara para o partido e logo para o Concello, pero foi ao revés.

Neste mandato houbo críticas voraces e incluso insultos nas redes sociais. Estivo calado todo este tempo, pero por todos é sabido.
Probablemente foi o mandato no que máis se atacou persoalmente aos políticos do PP, fundamentalmente a min. É un despropósito e, de feito, un concelleiro do BNG tivo que dimitir por maleducado. E os portavoces deste partido e do PSOE son cómplices deses blogs que me insultan a diario, non aceptarán todo o que din, pero rínlle as gracias.

E non pensou nunca en saír a paso destas cuestións?
Non lle fago caso, estou aquí para traballar. Os que me coñecen saben como é Luis Aragunde e ese que describen nos blogs a min tamén me cae mal.

Como é ese Luis?
Despiadado, corrupto... Mil barbaridades. E todos eses serán tan honrados coma min, pero non máis, absolutamente ningún.
Estase sendo inxusto co PP cambadés?
Por suposto. Hai unha guerra sucia e na campaña tamén. Os nosos carteis e os doutro partido ao que nos queren vincular, e non ten nada que ver, son os únicos con pintadas e insultos. Tamén digo, pobre do colaborador ou afín do PP que faga algo parecido... Eu quero gañar limpamente, outros cren que así van gañar... Hai colectivos que me din que a señora Abal se dedica a ir a xunto eles sen propostas, só para poñerme a pingar.

Entende que hai casos de corrupción que salpican ao PP, incluso ten falado de que hai ovellas negras...
(Interrompe) Enténdoo e se alguén está enfadado... Imaxina como podo estar eu! Que estás traballando arreo para sacar adiante o pobo e tamén para gañar as eleccións, é lexítimo, e nos caen estas cousas, pero tamén hai que dicir que a gran maioría dos dirixentes, e sobre todo os alcaldes, somos honrados.

Esa é a razón pola que nesta campaña se está a destacar a honradez? Incluso sobresae na propaganda...
Por suposto. Négome a que me vinculen coa corrupción. Eu son honrado.

Saíronlle canas nestes catro anos, basta comparar os carteis das dúas campañas. Cal foi o peor momento?
O peor, con diferenza, son as familias que o están a pasar mal, sen traballo, ingresos...

Víase ao alcalde en todo, fins de semana, festivos... Se estaba na rúa era por algo do Concello ou do partido. Segue vivo o Luis fillo, parella, amigo...?
Gustaríame estar máis cos meus pais, coa miña muller... Pero isto é moi intenso e nós, implicámonos moito. Cambados ten moita actividade cultura, deportiva, de asociacións... É fantástico e a min gústame estar en contacto con todo iso, coa xente e tamén sei que lles agrada que o alcalde lles acompañe nunha procesión ou nun partido.

Os novos partidos van afectar aos resultados do PP?
Creo que non. É probable que algún saque algún edil e outro non, pero a tranquilidade dáa a estabilidade no goberno e esa estabilidade dana as maiorías absolutas. Cun tripartito en Cambados sería moi complicado gobernar, as experiencias que coñecemos son negativas.

Cales son as principais liñas básicas do seu programa?
A cercanía é fundamental, temos que estar cos colectivos, clubes, asociacións, as ANPA... E imos seguir nesta liña. É o noso gran éxito. Tamén seguir traballando nos piares básicos: medio ambiente, cultura, deporte e crear emprego. n

Cambados - “A min tamén me cae mal o Luis que describen os blogs, pero a honrado, eles non me gañan”

Te puede interesar