“Vilalonga necesita unha concelleira na que confiar, que non minta nin engane”

“Vilalonga necesita unha concelleira na que confiar, que non minta nin engane”
Copia de Diario de Arousa-2015-04-26-015-f154c1f5

Sandra Fernández Agraso afronta esta campaña electoral coa dobre responsabilidade de dirixir a agrupación local do BNG e ocupar o segundo posto da candidatura nacionalista. A súas dúas lexislaturas como concelleira confírenlle unha experiencia e coñecemento da realidade local que agora quere por a disposición dos veciños.

Como foron estes oito anos na oposición para Sandra Fernández Agraso?
Aprendín moito. Ao principio sempre estaba máis nerviosa. Defender temas diante de Catalina González impón. Eu obligueime a expor as miñas propostas como única maneira de coller tablas. Ter a Catalina enfrente para min foi un plus de superación. Ela sabe moi ben o  que fai, minte tanto como fala, é moi manipuladora. Oblígate a mellorar para poder rebatirlle. Hubo un momento en que pensei “ou espabílo ou me come”.

Como afronta o BNG esta campaña?
Nós non somos uns veciños cabreados dende hai dous meses, que é lícito. Os problemas de Sanxenxo arrástranse dende hai moitos anos, e dende o BNG levamos tempo loitando para que Sanxenxo non se vexa sucumbida en intereses especulativos e persoais.

Vostede estivo moi atenta á política social do Concello, que opinión ten dela?
Curiosamente o goberno do PP ten a percepción de que o fixo ben, e non é certo.
Eu era consciente de que non estaba funcionando como debería dende o principio. Aos poucos meses de entrar eu de concelleira denunciei un feito moi grave que estaba ocorrendo no Centro de Día e a raíz diso suprimiron médicos e algún posto máis. Están en mínimos.
Además está a supresión do autobús para actividades escolares, as subvencións ás Anpas, houbo moitos recortes.
Nas reunións que levamos tido con diferentes colectivos decatámonos de que a Concellería que peor parada sae é a de Servicios Sociais

Por que?
Por unha concelleira que non exerce; por unhas políticas sociais obsoletas. A realidade cambiou moito nestes últimos oito anos pero as líneas de actuación do Concello seguen sendo as mesmas e creo que é un dos maiores atrasos deste goberno.

Que cambiaría o BNG?
Todo. Un concelleiro de Servicios Sociais ten que empezar por exercer. Ten que orientar, tomar decisións e levar adiante o traballo.
A xente demanda máis conexión, porque senón é difícil para as persoas facerse comprender en situacións tan difíciles como as que algunhas están a pasar.

En que van a centrar o seu programa social?
Nenos, mulleres e persoas maiores son os sectores de poboación aos que o BNG quere prestar especial atención. Neste momento hai unha problemática cos nenos con necesidades educativas especiais que penso que necesita máis respaldo da administración. De feito levei ao último pleno unha moción sobre este tema que rexeitaron argumentando que non é competencia da administración local. Eu discrepo. Penso que si pode facilitar asesoramento ás familias que se encontran nesta situación.

Como ve a política de Igualdade?
Teño denunciado en máis de unha ocasión que non se cumpran, por exemplo, as porcentaxes na Mesa de Contratación.
Promover a igualdade é unha cuestión educativa e neso o Concello ten moito traballo que facer. O mesmo que aprenden educación vial tamén poden ter uns talleres específicos que falen de trato igualitario.

Que necesita Vilalonga?
Unha concelleira na que poida confiar, que non minta nin engane aos veciños

E podería ser vostede?
Eu non so son de Vilalonga. Eu vivo Vilalonga. A miña filla vai á escola aquí, eu vou ao parque aquí, vou merendar ás lagoas... Eu fago toda a miña vida no meu pobo. Coñezo tódalas necesidades deste pobo porque as vivo e as padezo a diario. Non son unha persoa que so veña durmir a Vilalonga.

Viviu logo evolución desta parroquia nos últimos anos
Eu diría máis ben a involución. Aquí hai moitas necesidades moi básicas, e a primeira delas é o colexio.

O candidato do PP xa puxo setembro de 2017 como data de entrada en funcionamiento do centro do Revel
Eu non lle creo a Telmo Martín. Xa nos ten moi acostumados as súas grandes promesas que logo quedan en nada.

Na súa presentación dixo que Vilalonga era unha parroquia importante para o PP, por eso a escolleu para presentar a súa candidatura....
Eso foi moi temerario pola súa parte e moi ridículo. Ven a presentarse a unha praza na que gastou cartos públicos pero que é privada. Senón é prevaricación se lle parece. Así é como traballa Telmo Martín.
Como vai enfocar o BNG a campaña?
Partimos da base de que somos o grupo con  maior experiencia. Durante este tempo na oposición fomos a agrupación con máis coherencia e os concelleiros que máis activos estivemos.
Eu asumo a política como implicación e por iso tratamos de estar ao lado dos colectivos que defenderon os seus dereitos.
Por iso encauzamos esta campaña con moita responsabilidade.

E como o vai vivir Sandra Fernández Agraso?
Con ilusión, ainda que recoñezo que a experiencia apórtame máis coñecemento e por tanto, máis responsabilidade. Son realista e sei que estes son momentos moi difíciles.

Que lle podería aportar Sandra Fernández a Sanxenxo?
Traballo. Son unha persoa moi empática e sei poñerme no lugar dos demais. Creo que podo aportar moito en calquera concellería pero sobre todo en algunha que me permita estar en contacto coa xente.

“Vilalonga necesita unha concelleira na que confiar, que non minta nin engane”

Te puede interesar