VILANOVA-O Multiusos estrearase aínda a medio concluír co I Trofeo de Baile Deportivo

VILANOVA-O Multiusos estrearase aínda a medio  concluír co I Trofeo de Baile Deportivo
Diario de Arousa-2016-05-17-010-bad1675b_1

A obra de conversión do pavillón de deportes de Vilanova nun edificio multiusos estrenarase o vindeiro domingo 22 co I Trofeo de Baile Deportivo da localidade, a pesares de que a actuación aínda non estará concluída. 
Así o explicou onte o alcalde, Gonzalo Durán, durante o acto de presentación do evento de danza, en compañía do presidente do clube organizador BTroula de Meis, Breogán Pérez, e algúns dos mozos bailarines participantes. 
Durán indicou que hai meses que o colectivo meisino se interesou por organizar este acto en maio, para sacar partido á nova tarima da pista central e ás condicións de tratamento acústico practicadas no interior do recinto. “Foi un compromiso ao que chegamos coa asociación, porque esperabamos que en maio o Multiusos estivera listo. Está moi avanzado, pero non listo de todo”, admitiu o primeiro edil. A pesares de iso, para “cumprir ese compromiso”, o Concello decidiu seguir adiante coa celebración “porque o que queda por facer non afecta xa á pista nin ao illamento acústico”.
O rexedor engadiu que os operarios afánanse sobre todo en labores de limpeza e acabados, polo que o pavillón retoma pouco a pouco a súa actividade. Nos últimos días regresou ao edificio o albergue de peregrinos e o domingo testarán, así, a pista deportiva.
Breogán Pérez detallou os datos deste I Trofeo en Vilanova. Serán tres probas nunha: Unha puntuable para o Campionato de España, coa participación de bailaríns federados; un Open Internacional, polo que agardan competidores de España e Portugal, ademáis dunha categoría de Danza Coreográfica, en grupos. 
A actividade estará en marcha de forma ininterrompida de 10 a 20:30 horas, con entradas a 6 euros, 4 no caso de xubilados e gratis para menores de 12 anos. Contan con máis de 100 parellas e coa presencia do once veces campión de España Adrián Esperón, presente tamén onte. 
Por todo iso, subliñan que será unha cita de primeiro nivel e animan dese xeito a todos os veciños da vila e da comarca a asistir, para coñecer un deporte que se está tentando introducir por fin nas Olimpiadas.

 

VILANOVA-O Multiusos estrearase aínda a medio concluír co I Trofeo de Baile Deportivo

Te puede interesar