O IES de Valga orienta aos alumnos sobre os futuros profesionais a elixir

O IES de Valga orienta aos alumnos sobre os futuros profesionais a elixir
O alcalde, José María Bello Maneiro, acudiu á inauguración da Semana de Orientación |

O IES de Valga deu inicio onte á Semana de Orientación e Emprego, organizada en colaboración coa Consellería de Educación e do Concello, e que ten como obxectivos divulgar a oferta educativa do centro e e orientar, dende os puntos de vista académico e profesional, ao alumnado de 4º da ESO, Bacharelato e ciclos. As xornadas, que continuarán ata este xoves, contan coa participación de estudantes do IES de Valga e tamén doutros centros da contorna, como os CPI de Pontecesures e Catoira.
Alumnos destes dous últimos colexios asistiron á inauguración da Semana da Orientación e Emprego, que contou coa participación do alcalde, José María Bello Maneiro, a concelleira de Educación e Emprego, Carmen Gómez, e o director do IES, Roberto Barral. O rexedor felicitou á dirección do centro polo seu “perfecto funcionamento” e tamén pola organización de iniciativas como estas xornadas, que “van ser positivas para dar a coñecer o instituto e a súa oferta educativa”. Bello Maneiro, ademais, destacou a “vontade total do Concello” para seguir colaborando co IES. “Para calquera actividade terán, sen dúbida, o noso apoio”, remarcou.
A continuación o director e a orientadora do IES, Yolanda Castro, presentaron ao alumnado a oferta educativa do IES, as actividades e programas nos que participa, e despois participaron todos nunha visita guiada para coñecer as instalación do instituto.As actividades desta mañá pecháronse coa mesa redonda “A figura da muller no sector profesional da fabricación mecánica”, á que asistiron estudantes de FP Básica, ciclos e 4º da ESO. Os poñentes foron Mercedes Calvelo, profesora de Soldadura e Caldeiraría do CIFP Politécnico de Santiago; Nansi González, ex alumna do ciclo superior de Construcións Metálicas e que actualmente traballa na empresa valguesa ODL; e Sara Iglesias, alumna de 2º curso do ciclo medio de Soldadura e Caldeiraría. As xornadas retómanse hoxe.

O IES de Valga orienta aos alumnos sobre os futuros profesionais a elixir

Te puede interesar