O BNG apela “ao vento novo” para “varrer do Concello” as políticas do PP

O BNG apela “ao vento novo” para “varrer do Concello” as políticas do PP
Diario de Arousa-2015-05-20-004-6dd45c57

Nun acto ao aire libre, “a peito descuberto e con humildade”, o BNG celebrou no parque de Ravella o seu mitin central. Foi a voz rasgada da número 3 da lista e pandereiteira, Lucía César Veloso, a encargada de iniciar un acto no que se apelou á necesidade de “varrer con vento novo a chulería do Partido Popular”. O que fora cabeza de lista da agrupación nacionalista no 2011, Xosé Castro Ratón, abriu un acto que se converteu, durante uns intres, na festa do nacionalismo vilagarcián. “O vindeiro domingo mudar as cousas depende de nós. A Santa Rita o Vaticano non lle deixa facer miragres nestes asuntos”, ironizou. Sobre o estrado, colocado xusto de costas á fachada do Concello, desfilaron varios dos nomes que conforman a lista. Xosé Lois Leirós, protagonista estes últimos anos pola súa loita na plataforma dos Emigrantes Retornados, incidiu en que o voto ao BNG “é o único capaz de virar o rumbo do Concello porque para nós as persoas son o primeiro”. Lucía César Veloso fixo fincapé en que “son unha rapaza de aldea orgullosa do noso e para aqueles que din que me apuntei ao bando radical decirlles que non me saíron cornos nin rabo e que sigo sendo a mesma de sempre”.
As referencias a Castelao e a “Sempre en Galiza” foron constantes en todo o acto. “Que non sigan mexando por nós”, arengaba César Veloso e a deputada autonómica Montse Prado.
Foi Xabier Ríos o que comparou a política dos últimos catro anos do Partido Popular ao fronte de Ravella co que el mesmo chamou “pesti popularis” definíndoa como “esa plaga que ataca aos nosos recursos e a todo o que se move”.
A veteranía do presidente da Fundación Galiza Sempre, Guillerme Vázquez, mostrouse no momento máis álxido do mitin. “De Madrid non virá remedio nin solución, nin tampouco van vir os novos Mesías. O remedio vén de votar nacionalista”, explicou. Ademais animou a votar o vindeiro día 24 “con Galicia na cabeza e a esquerda no corazón”.
A alcaldable, María Villaronga, foi a encargada de pechar un acto no que o frío se combateu cos aplausos. “Somos unha organización política coas paredes de vidro. O de transparentes e humildes non nolo pode discutir ninguén”, incidiu. Villaronga, cuxo discurso foi “in crescendo”, definiu a Tomás Fole como “Tomás I ‘o escuro’”. “Levamos catro anos cun alcalde desaparecido. Donde estaba cando se lle necesitaba? Coas cortinas pechadas por non querer escoitar máis de catro verdades”, denunciou.
A candidata nacionalista repasou o listado de “despropósitos” dun goberno “incapaz, que quixo potenciar ordenanzas absurdas”. “Fronte a iso nós solo ofrecemos traballo, traballo e traballo”, indicou. A nacionalista insistiu en que “o que nós queremos son políticas auténticas e un concello do pobo e para o pobo”.
No acto aberto, que se suma ao que os nacionalistas do BNG levan ofrecendo en diferentes parroquias da capital arousá, incluso tiveron o seu protagonismo as bágoas e a emoción de Villaronga recordando a aqueles que xa non están e que “loitaron sempre” por un “nacionalismo galego e de esquerdas”. Nomeou un por un aos que a acompañan nunha lista “que pensa na xente de a pé” e conseguiu levantar aos presentes ao final e coa música das gaitas de fondo. n

O BNG apela “ao vento novo” para “varrer do Concello” as políticas do PP

Te puede interesar