O BNG conmemora o 180 aniversario de Rosalía cunha homenaxe interxeracional

O BNG conmemora o 180 aniversario de Rosalía cunha homenaxe interxeracional

O BNG de Vilagarcía honrou un ano máis a figura de Rosalía de Castro e fíxoo diante do busto da escritora, en Carril, nun acto emotivo, dinámico e sobre todo didáctico, no que as nenas tiveron moito protagonismo.

A escasos metros das fiestras dende as que Rosalía de Castro pedía ver o mar para aplacar a dor do seu corpo enfermo, Lucía César Veloso poñía voz a un dos seus poemas, “O forno está sen pan”, cunha espectacular interpretación e acompañada ao acordeón por Álvaro Cardalda e á guitarra por Manolo Dopico, que despois cantou outros versos da escritora.

Foi un dos momentos máis emotivos, pero non o único nun acto que estivo presentado polo voceiro nacionalista.
Xabier Ríos apelou na súa intervención á Rosalía precursora do feminismo e do uso do idioma galego nun momento no que, dixo, este idioma atópase “especialmente ameazado”.

Por elo, Ríos defende que hai unha “enorme débeda” coa escritora de Padrón. “Culta, feminista e comprometida co país. Con este acto queremos defender a súa obra e pensamento, cunha forte vixencia na actualidade, e contribuír a recoñecer a nosa lingua e o papel da muller”, asegurou o voceiro nacionalista, que recordou que Cantares foi o primeiro libro publicado integramente en galego. “Marcou o camiño en reivindicar o uso do galego para devolverlle a dignidade do que fora destituído. Merece ser transmitida de xeración en xeración”. E así foi. O futuro estivo representado polas nenas Aloia, Laura e Mar, que leron versos da escritora recollidos nunha edición para cativos. A música foi unha parte moi importante. Treboada de Guillán actuou ao inicio e, ao peche, Roberto Mariño interpretou o himno galego.

O BNG conmemora o 180 aniversario de Rosalía cunha homenaxe interxeracional

Te puede interesar