• Domingo, 24 de Septiembre de 2017

A Dirección Xeral de Policía deixa a Vilagarcía sen ningún axente en prácticas para este verán

A Dirección Xeral de Policía deixa a Vilagarcía sen axentes en prácticas para a temporada de verán, que está a piques de comezar. Este tipo de efectivos contribúen a aliviar a carga de traballo que soportan os funcionarios do corpo durante todo o ano, e que na capital

A Dirección Xeral de Policía deixa a Vilagarcía sen ningún axente en prácticas para este verán
A Policía Nacional de Vilagarcía quédase sen ningún reforzo de cara ao próximo verán | gonzalo salgado
A Policía Nacional de Vilagarcía quédase sen ningún reforzo de cara ao próximo verán | gonzalo salgado

A Dirección Xeral de Policía deixa a Vilagarcía sen axentes en prácticas para a temporada de verán, que está a piques de comezar. Este tipo de efectivos contribúen a aliviar a carga de traballo que soportan os funcionarios do corpo durante todo o ano, e que na capital arousá é especialmente intensa polas carencias dun persoal que nos últimos tempos non fixo máis que perder efectivos.


A resolución da convocatoria inclúe tanto policías como inspectores en prácticas. Outros municipios de menos habitantes, coma é o caso de Ribeira, si contarán con reforzo durante o período estival. Para a localidade barbanzá vanse un total de catro axentes en prácticas, o mesmo número que se destina a Marín, mentres que a capital da provincia, Pontevedra, contará con dez axentes máis.

O esquencemento de Vilagarcía non deixa de sorprender, máxime tendo en conta que a Comisaría atópase moi por debaixo das ratios que se marcan desde organismos como a Unión Europea. É máis, a Policía Nacional desta cidade precisa, neste intres, de seis axentes máis para poder garantir os servizos mínimos. A situación, de feito, xa foi posta en coñecemento da nova subdelegada do Goberno, que comprometeuse a mediar para que se dotase de máis persoal. Lonxe de tomar esta medida, a Dirección Xeral de Policía deixa de enviar axentes en prácticas.

Mediación do Concello
A Unión Federal de Policía cualifica de “auténtica vergoña” a resolución da Dirección Xeral de Policía. “Ou no Ministerio de Interior non saben que Vilagarcía está en España ou alguén ten algún tipo de problema con esta Comisaría”, asegura Agustín Vigo, voceiro provincial do sindicato, que presentará unha queixa ante a Dirección Xeral de Policía.

Ademais, Vigo insta ao Concello de Vilagarcía e á Subdelegación do Goberno a facer o mesmo, xa que desde o sindicato defenden que a seguridade é un problema que debería implicar a toda a sociedade. Non é a primeira vez que a UFP pide a implicación da máxima autoridade da cidade, o alcalde, para que se dote de máis axentes á localidade. As carencias da Comisaría recaen ademais sobre o corpo da Policía Local, que tamén ten enormes carencias de persoal.

Tamén o Sindicato Unificado de Policía amosou o seu malestar pola resolución da Dirección Xeral. Nas últimas reunións que dita central mantivo cos responsables deste organismo, amosaron a necesidade de destinar “un número importante de alumnos ás nosas comisarías, para paliar o gran déficit de persoal que padecen, solicitando que para todas as comisarías provinciais e locais da nosa comunidade se destinasen funcionarios”. Unha demanda que non se ve cumprida na convocatoria de axentes en prácticas para a temporada estival.


O SUP destaca o caso de Vilagarcía no conxunto de Galicia, así coma outros como as comisarías provinciais de Ourense e Lugo, e outras locais como Ferrol. “Desde o SUP consideramos este número totalmente insuficiente”, aseguran dende o sindicato.