Fondo pesar pola morte de Xaquín Gómez, un párroco moi apegado á Galicia rural

 Xaquín Gómez Barros, que desde o ano 2000 exercía como párroco de Cornazo, faleceu onte deixando un fondo pesar non só entre os seus fregueses, senón entre todos aqueles aos que axudou ao longo de máis de seis décadas adicado a promulgar un cristianismo de proximidade, moi apegado a Galicia, e especialmente ao rural.
Gómez Barros foi precisamente un dos impulsores da Xuventude Agrícola Rural Católica, a través da cal promulgou as aperturistas ideas do Concilio Vaticano II pero tamén unha reflexión sobre os problemas das aldeas galegas.
O seu labor fíxolle merecedor dunha homenaxe en 2012. A asociación Irimia, un movemento católico e galeguista, destacaba destacan de Xaquín Gómez que “foi o fermento lúcido, entusiasta, xeneroso sen límites. Non só ano chegou a contabilizar máis de 30.000 quilómetros percorridos pola complicada xeografía da diocese de Santiago de Compostela e limítrofes, primeiro en moto e logo naquel famoso dous cabalos”.
Xaquín Gómez Barros naceu o 7 de agosto de 1932 en Cuntis e antes de recalar en Cornazo exerceu como coadxutor en Cambados e como párroco en Santa María de Adina, en Portonovo, o seu destino máis longo, no que estivo dúas décadas.
Non só na súa función pastoral deixaba ver Xaquín Gómez as súas fondas raíces galeguistas, senón que tamén participaba en actividades culturais e colaboraba con entidades como Amigos de Galicia, que onte enviou un comunicado para mostrar o seu fondo pesar polo pasamento do crego.
Un crego ao que desde o colectivo que preside Jesús Busto definen como “un home comprometido cos pobres, sempre ao seu servizo”. No ano 2013 participou non oficio da misa en galego que se fixo con motivo do Grelo de Ouro que a fundación outorgou a Santiago Iglesias, fundador e presidente do Grupo Junquera Automoción.Os restos mortais de Xaquín Gómez Barros permanecerán no Tanatorio de Cuntis ata as catro e media da tarde de hoxe, cando terá lugar o seu traslado á igrexa parroquial e posteriormente ao cemiterio, onde se lle dará o último adeus a un home que deixa tras de si unha estela de solidariedade.

Fondo pesar pola morte de Xaquín Gómez, un párroco moi apegado á Galicia rural

Te puede interesar