Luís Bará propón a “honradez” do BNG fronte ao “goberno sen alma do PP”

Luís Bará propón a “honradez” do BNG fronte ao “goberno sen alma do PP”
Bará xunto a outros candidatos da lista do BNG e militantes e autoridades do Salnés gonzalo salgado

O cabeza de lista do BNG ao Parlmento Galego, Luis Bará, compareceu onte en Carril arroupado por numerosos militantes e responsables políticos da formación na comarca e xunto a outros candidatos ás eleccións autonómicas do 25 de setembro. Xustamente a un mes exacto da celebración dos comicios para presentar ao Bloque como a alternativa da “lealdade, xenerosidade e honradez” para “superar ao goberno sen alma do PP”.
A formación nacionalista elixiu este escenario por unha cuestión simbólica. Segundo a candidata e exdeputada Montse Prado porque para o BNG a Ría de Arousa “é unha auténtica prioridade” como “o motor fundamental da comarca na creación de emprego e riqueza”; e foi diante da Illa de Cortegada porque “se a día de hoxe é pública é grazas á vontade do pobo de Carril, de asociacións, entidades e agrupacións políticas como o BNG”.

peso do salnés
Prado tamén destacou o peso do Salnés na candidatura do BNG e onte estiveron Lucía César Veloso, Elena Vilas e Xabier Rodríguez Paz, que foron presentados polo coordinador comarcal Manuel Domínguez.
O cabeza de lista, Luis Bará, foi o último en intervir para explicar que o Bloque porá en marcha unha campaña “ambiciosa” para abrir un “tempo novo en Galiza, levantar o país e superar o tempo do PP –que representa xa o pasado–, deste goberno sen alma do PP que é na práctica unha xestoría e non asume a verdadeira función de ser un goberno galego que defenda os intereses do país”.
Bará indicou que o proxecto encamíñase a superar un goberno “submiso e servil” que “segue os ditados de fóra” e que o Bloque ofrece “valores de lealdade, xenerosidade e de honradez” que considera precisos nestres intres, ademais de coraxe porque “non estamos nun tempo de mansedume ou submisión porque hai que plantar cara ás decisións que se toman fóra”.
Bará engadiu que se fai preciso “seriedade, rigor e solvencia no futuro” executivo autonómico, así como “experiencia contrastada” que a súa formación “pode demostrar nos gobernos municipais, onde demos exemplos de capacidade para transformar a realidade cos nosos recursos”.
O candidato nacionalista asegurou que teñen todos os ingredientes para crear un bo goberno para a Xunta e tamén amosou a súa preocupación pola “situación lamentable e o espectáculo das principais forzas polílticas a nivel do estado” porque “non hai dereito a estar a vivir todos estes meses de incertidume e tacticismo”. Do mesmo modo asegurou que a situación vivida entre algunhas forzas de esquerdas “é algo que hai que superar” e que o Bloque vai “poñer todas as enerxías para que haxa un goberno alternativo ao PP”. De feito fixo un chamamento ás persoas que “se senten de esquerdas, galeguistas, nacionalistas, que lle queren ao país e queren un futuro distinto” para que apoien o proxecto da formación nacionalista.

Luís Bará propón a “honradez” do BNG fronte ao “goberno sen alma do PP”

Te puede interesar