Santa Rita chega coa Feira Celta, con xogos para nenos e o concerto de Ses

Santa Rita chega coa Feira Celta, con xogos para nenos e o concerto de Ses
A procesión de Santa Rita percorrerá as principais rúas da cidade na xornada do luns | g. salgado

O entorno do parque da Xunqueira e do convento de Vista Alegre mudará totalmente a partir deste venres debido á celebración da tradicional romaría de Santa Rita, unha das citas más emblemáticas de Vilagarcía. Cun forte carácter relixioso, con misas dende primeira hora da mañá no día propio (o luns 22), Santa Rita contará cunha programación anexa cun toque moito máis profano e cultural. O alcalde, Alberto Varela, e a edil de Cultura, Sonia Outón, presentaron un programa de actividades baixo o lema de “Ti pide, que a quitar... sempre hai tempo”, facendo alusión ao refrán de “Santa Rita Rita o que se dá non se quita”, tan coñecido nesta zona. A Feira Celta no parque da Xunqueira, as orquestras, as actividades para nenos e o gran concerto de Ses son os pratos fortes dun programa no que tampouco faltan os eventos de índole deportiva.
O inicio, este venres

As festas de Santa Rita arrancan este venres coa apertura da Feira Celta ás cinco da tarde. “Haberá, máis ou menos, os mesmos stands que o ano pasado”, sinala Sonia Outón. A maiores tamén se incrementan os obradoiros pensados para os máis pequenos da casa. “Vaise reforzar a actividade con xogos malabares, con fogos de artificio e con seres mitolóxicos que visitarán esta zona de Vilagarcía”, explica a edil de Cultura.
A partir das nove da noite, no Auditorio, a cita musical é coa trompeta e a guitarra de Pacho Flores e Jesús “Pingüino” González, moi coñecidos no ámbito musical. Pola contra a verbena correrá a cargo da orquestra Ache, na rúa Alexandre Bóveda.

A xornada do sábado amanece cunha programación fundamentalmente deportiva. Así pois o campo da Pelada acolle o Torneo Santa Rita de Fútbol Infantil, o pavillón do Arealonga o Trofeo Ponte a Patinar e o pavillón de Fexdega o Campionato de Semi Rápidas de Xadrez Santa Rita.
A Feira Celta estará aberta todo o día e pola tarde, a partir das catro e media, a Avenida da Mariña convertirase nun gran parque de atraccións para os máis pequenos da casa grazas á colaboración de Gadis. Pola noite, a partir das oito e media, a Praza de Galicia acollerá o segundo Encontro Folclórico Santa Rita e o prato forte será o concerto de Ses, gratuíto, na Xunqueira a partir das 23 horas. A betanceira estará precedida no escenario por Sanjurjo & Dopico.


Domingo e luns
O domingo empezará coa exhibición de Taekwondo na explanada do Auditorio e haberá actuacións polo día coa coral Rosalía de Castro no convento de Vista Alegre, as actividades para os nenos e a verbena popular a cargo da orquestra Capitol.

O luns, día propio de Santa Rita, haberá misas dende primeira hora e a gran procesión será ás oito da tarde polo percorrido habitual. Pola noite haberá verbena a cargo da orquestra Cinema. A Feira Celta e os pasarrúas estarán o programa todos os días.

Santa Rita chega coa Feira Celta, con xogos para nenos e o concerto de Ses

Te puede interesar