A Secretaría Xeral de Política Lingüística leva a cabo un programa de lectorados no estranxeiro para licenciados en Filoloxía Galega que desexen impartir clases nos diferentes Centros de Estudos Galegos ubicados en países como Alemania, Arxentina, Croacia, Estados Unidos, Finlandia, Polonia, Reino Unido e Rusia, entre outros. En total, son 18 centros en todo o mundo (incluido o de España) onde os estudantes universitarios deciden coñecer esta lingua. Según fontes da propia Secretaría, hai un total de 36 profesores en réxime de lectorado que imparten galego por todo o mundo. Normalmente trátase de persoas que se licenciaron recentemente e que solicitan o lectorado namentres realizan a súa tese doutoral ou para ampliar o seu currículum de cara ao mundo laboral.En canto aos estudantes, ao contrario do que se puidese pensar, a porcentaxe dos mesmos que son descendentes de emigrantes galegos é mínima. De feito, según fontes da Secretaría, o número de estudantes de galego no estranxeiro que descenden de galegos é unha cantidade anecdótica, aínda que non precisaron a mesma. En xeral, os universitarios naturais doutros países que deciden estudar galego o fan por razóns que nada teñen que ver coa súa procedencia.
Motivacións > Un dos motivos para escoller esta lingua é o feito de que algún destes estudantes tiveron algún tipo de contacto con Galicia ou teñen intención de estudar nun futuro nunha universidade galega a través do programa Erasmus. Neste sentido, moitos dos estudantes estranxeiros que veñen estudar durante un período de tempo nas universidades da comunidade optan por coñecer un pouco máis a lingua autóctona a través de programas como o levado a cabo pola Mesa da Normalización Lingüística en colaboración coa Universidade de Santiago, no que os estudantes de Erasmus entran en contacto con falantes galegos.
Outros motivos polos que os universitarios estranxeiros estudan galego nos seus países son de tipo máis ben académico, e teñen que ver co feito de que son estudantes de linguas románicas que elixen o galego como un obxecto máis de estudo ou que simplemente o escollen por unha cuestión de créditos curriculaes.
En xeral, aínda que as fontes de Política Lingüística proporcionaron un dato aproximado no tocante ao número de estudantes universitarios que estudan lingua galega en países europeos, entre 20 e 50, non existe aínda un rexistro preciso do número total de alumnos de titulación superior que estudan esa lingua nos seus países de orixe porque non están rematadas as memorias esixidas a este efecto malia existir a obriga, por parte da Xunta, de elaborar un documento onde se reflictan todos eses datos.