Di@rio de Arousa
 
Edición electrónica  
Domingo 16 de Noviembre 2008 Opiniones

Portada | Vilagarcía | Cambados | Sanxenxo | O Grove | O Salnés | Caldas-Umia | O Barbanza | Galicia | Deportes | España | Mundo | Economía | Sociedad | Comunicación | Última Página |


O PODER DO MUNDO

O GALO NO TELLADO

LUÍS ÁLVAREZ POUSA

A crise financeira e a crise da economía real teñen unha compoñente política fundamental. Velaí a xustificación do cumio de Washington, de onde deberan saír propostas que atendan tanto ás leis como ao seu imperio, á ortodoxia da utilización dos recursos e á seriedade e eficiencia do funcionamento das institucións. Escribo cando aínda non se fixeron públicos os acordos adoptados. Pero teño para mín que de non iren por ahí, o encontro do G-20, con Zapatero e o premier dos Países Baixos de convidados especiais, non servirá para case nada. Porque non se trata dunha crise única, senón de unha serie de crises, afectadas por un foco común de corrupción. Aceptar cataplasmas, como reiterou Bush na cea/recepción dos mandatarios dos oito estados máis industrializados, dos once máis emerxentes e da UE en bloque, sería mortal. Concedéndolle ese último favor, enterrarían a xa moi escasa fe na política e nos políticos, e con ela a capacidade de resposta cívica contra as causas e os causantes da baixada aos infernos da recesión, da desesperanza e a depresión social. Negarlle a maior ao presidente interino dos EEUU -que “a crise non é un fracaso do sistema de libre mercado”-, xa é unha mensaxe esperanzadora. Todo o demais non lle ha corresponder a el, senón ao presidente Obama, que será quen acuda aos encontros dos próximos meses. Porque o de onte non pasaba de ter, pese ás grandes expectativas creadas, un carácter preliminar, do que como moito se esperan unha serie de principios, amplos e vagos, e unha axenda de grupos de traballo e novos cumios. En dúas semanas non se lle pode dar resposta ao que, pese ao que digan Bush e cantos como Aznar alucinan vendo nel ao mensaxeiro da liberdade, non é senón un auténtico tsunami que remove as cementacións do sistema capitalista. Só así se pode comprender que o adalide do mercado libre, da libre empresa e do libre comercio se suba ao carro do intervencionismo puro e duro. Que o emperador do mundo, humillado en propia casa, se vexa obrigado a lanzar un SOS internacional.

Sinal de que se despraza o poder mundial. Estando como está no banco dos acusados, EE.UU. xa non vai poder decidir máis en solitario sobre as cuestións financeiras do mundo. A nova arquitectura de economía social de mercado non a van definir máis en solitario os do G-8, senón tamén e por vez primeira as potencias emerxentes do sur. Uns e outros poderán convertir o FMI na autoridade reguladora do sistema bancario global. Unha alternativa histórica. Para empezar.



ir a inicio de página


© Di@rio de Arousa