A nosa lingua e a nosa cultura son as ferramentas que temos para abrirnos ao mundo e medrar coa seguridade coa que o fan as árbores que teñen raíces fortes e ben asentadas. Esta foi unha das principais mensaxes que lles transmitiu o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez Abad, aos alumnos do CEIP Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, de Rianxo, no que recaeu o premio do Concurso-Exposición Letras Galegas 2012. Valentín Paz Andrade na modalidade infantil e primaria, polo cartel titulado Galego de corazón. O galardón o recolleron os escolares Antía Alcalde Vicente e Lucas Paz Otero en representación da súa aula. Para todos eles tivo parabéns, polos carteis alegres como a festa que celebramos e cheos de luz e cunha unidade que reflicte a perfecta coordinación e o traballo en equipo que este materiais teñen detrás. Tamén eloxiou aos mestres pola súa alta implicación no proxecto no que sintetizouse en imaxes a extensa obra do autor homenaxeado.O acto estivo presidido, ademais de polo conselleiro, polo secretario xeral de Política Lingüistica, Valentín García Gómez; o xefe terrotorial de Educación, Indalecio Cabana Leira; o alcalde, Adolfo Muiños, e a directora do colexio Castelao, Ana María Diz Varela. O primeiro deles foi quen destacou a relación do seu homónimo (Paz-Andrade) co mar e que estudou a relación de Galicia co mesmo. Destacou que se hai unha vila vencellada co mar esa é, sen dúbida algunha, Rianxo, salientando que é a vila galega con máis escritores homenaxeados no Día das Letras Galegas, con Castelao, Manuel Antonio e Rafael Dieste. E engadiu que as letras galegas están por todos os lados da vila rianxeira, e calquera recuncho nos recorda ao galego, puntualizou. O alcalde rianxeiro incidiu nesa idea ao manifestar que Rianxo está escrito con letras de ouro no Día das Letras Galegas. Adolfo Muiños amosouse moi satisfeito do alumnado, no que se comproba que usa o noso idioma a diario. Se Castelao e Valentín vos escoitasen, estaría moi orgullosos do trato agarimoso ao galego.
Os escolares tiveron parte activa na entrega do premio, pois ademáis de recibir o correspondente diploma que certifica , coa dramatización do poema Xan de Rosalía de Castro, a cargo dos nenos de segundo de Primaria que ían vestidos de pastores, así como sucedeu ao recitar o poema Cando ti volvas do libro De pranto matricial e una adaptación do texto Boas-vindas, mariñeiros, ambos de Paz-Andrade, por parte de alumnos de cuarto e infantil e de sexto, respectivamente. Logo proxectouse un video no que unha representación dos rapaces de cada aula falan dos carteis que elaboraron ao redor da figura do autor homenaxeado, contando varios episodios da súa vida, e que as autoridades observaron atentamente e con curiosidade. O conselleiro puxo a Paz Andrade como exemplo para os nenos de Rianxo, aos que animou a formarse para ser coma él no futuro semente dunha Galicia cada vez máis próspera e a que se esforcen por dignificar o galego.
Por outro lado, os case 150 cativos das nove escolas do CRA de Rianxo acudiron onte ata Campomaneiro (Taragoña), xunto aos seus profesores e pais, para participar nunha carreira, lectura e merenda en homenaxe a Valentín Paz-Andrade, na véspera do Día das Letras Galegas.