Como ven sendo habitual cada 25 de xullo, o PSdeG-PSOE conmemorará hoxe en Rianxo o Día de Galicia. Militantes, simpatizantes e responsables da formación socialista recibirán ó seu secretario xeral, Emilio Pérez Touriño, na Praza de Castelao sobre as 12:45 horas. Os participantes tomarán a Rúa de Abaixo para dirixirse ata o Paseo da Ribeira, onde se atopa ubicado o busto do insigne galeguista rianxeiro Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Ante a súa efixie, en torno á unha do mediodía, terá lugar unha ofrenda floral e, a continuació, comezará un acto no que intervirán o alcalde, Pedro Piñeiro, e tamén Emilio Pérez Touriño.
Aproveitando que no municipio se celebra a Festa da Xouba, o PSdeG-PSOE de Rianxo invitará os militantes e simpatizantes a degustar este produto.
Festa da Xouba > Esta celebración gastronómica, que organiza a Asociación Rianxeira de Empresarios, terá como centro neurálxico o Campo de Arriba. A degustación comezará sobre as once da mañá e prolongarase ata as tres da tarde. Ofreceranse ós asistentes xoubas fritas, en empanada e tamén mexillóns da Ría.
Pola tarde volverán a abrir os stands de degustación, arredor das 17:30 horas e, para animar o ambiente, haberá grupos de gaiteiras. Un equipo formado por unhas vinte personas, sen contar á organización, encargarase de cociñar as xoubas.