Pasaxes na Memoria. Historia e testimonios dos represaliados políticos no concello de Sanxenxo (1936-1950), escrito por Elisa Franco, é o traballo gañador do premio Luis Cuadrado na súa edición do ano 2008. A Librería Nós, organizadora do evento, editou xa o libro, que mañá que será presentado na Sede Náutica de Caixa Galicia no porto deportivo de Sanxenxo, no transcurso dun acto no que, ademáis das autoridades locais, estará o catedrático da Universidade de Santiago, Xesús Alonso Montero, ademáis dun dos protagonistas do libro, un represaliado de Portonovo que aos seus 95 anos recorda nítidamente todo o acontecido naquel periodo da súa vida. Trátase de Severino Domínguez Rey, que terá ocasión de recordar, con tristura e orgullo, aqueles tempos nos que estivo preso na illa de San Simón, de onde en novembro de 1937 o trasladan a León para realizar traballos forzosos durante todo o ano 1938. De alí foise ao campo de concentración de Miranda del Ebro, pasando ós batallóns de traballadores nas trincheras.No ano 1948 foi xulgado por desempeñar cargo no comité político de Portonovo do Partido Comunista, resultando condenado a dous anos de prisión menor recluído no cárcere de Vigo. Cumpriu só a metade da pena, por boa conduta e volveu ao traballo no mar.
Pasaxes na Memoria recolle un total de 26 historia de represaliados e fusilados, dos que vinte son naturais de Sanxenxo e os outros seis, ainda que naceron fora, desenvolveron a súa actividade profesional no municipio. As súas historias serán coñecidas, a partir de mañán por todos grazas á decisión do xerente da Librería Nós, Xaime Corral, de editar este traballo, premiado na primeira convocatoria anual dun certame que ten como finalidade a investigación da cultura e historia tradicional do Concello.
Cunha linguaxe concisa e sinxela a autora, María Elisa Franco Torres, reflicte as experiencias vividas polos afectados do alzamento militar que orixinou a Guerra Civil española no ano 1936. Dende unha perspectiva analítica e descriptiva, a autora persegue unha visión obxectiva, prantexando as consecuencias sociais dos procesos políticos do país. En palabras de Alonso Montero no prólogo do libro, non só se escolle un espazo reducido que funciona como unha unidade para perseguir os feitos maiúsculos e tamén os minúsculos, senón que se acude, para contalos e interpretalos, ó relato transmitido polos represaliados ou polas persoas moi achegadas.
Elisa Franco, actual xerente de Entretendas, optou neste traballo por unha mestura organizada de información documental e transcrición de entrevistas que permite xustificar e achegar os acontecementos locais nun período determinado da historia. De seguro que esta monografía constituirá un punto de referencia para o público interesado en coñecer un pouco máis do pasado a nivel humano.
Elisa Franco é licenciada en Historia da Arte pola Universidade de Santiago e titulada en Restauracióne Conservación de Bens Culturais. Dende o inicio da súa actividade profesional mostrou un continuo interese polas diferentes áreas de investigación da historia, etnografía e cultura popular galega. Vencellada ao mundo da arte por medio dos labores de conservación de bens mobles, estivo traballando en diferentes cidades galegas: Santiago de Compostela, Ourense, Vilar de Santos e Lugo, rematando por abrir o seu propio obradoiro de arte e restauración en Portonovo.