Di@rio de Arousa
 
Edición electrónica  
Viernes 16 de Mayo 2008 Última Página


ESCOLA INFANTIL > O centro educativo municipal levou ós alumnos de dous e tres anos a coñecer o Conservatorio e os instrumentos

Unha excursión a ritmo da música

REPORTAXE DE L.B.

Os alumnos da Escola Infantil Municipal gozaron coa visita ó Conservatorio de Vilagarcía. E. MOLDES
O fin de curso está á volta da esquina e o arrecendo da primavera abre as ganas de saír fóra das clases e gozar das excursións, que estes días sempre son benvidas polos escolares. Por este motivo, a dirección da Escola Infantil Municipal iniciou onte o seu programa de saídas, coas que levan ós alumnos máis pequenos de Vilagarcía a coñecer a cidade e, nesta ocasión, a emoción incrementouse porque moitos dos pequenos fixeron a súa primeira viaxe en autobús.

Aínda que xa en Nadal saíran da escola para achegarse ata o Centro Comercial, esta foi a primeira gran excursión destes rapaces e rapazas, e nesta ocasión achegáronse ata o Conservatorio de Vilagarcía, onde gozaron da música e coñeceron os instrumentos.

A visita ó Conservatorio durou aproximadamente unha hora, pero antes os pequenos realizaron un pequeno percorrido en autobús polas rúas de Vilagarcía, descubrindo un medio de transporte descoñecido por uns rapaces que soen desprazarse unicamente nos coches dos pais.

A de onte foi a primeira das moitas actividades que de aquí a final de curso ten preparadas a dirección do centro. A longa lista prevista inclúe unha mañá de xogos no campo de fútbol de A Lomba, outra viaxe ó Auditorio e incluso unha sesión de cine, na que se divertirán co visionado do filme “Cars”. Ademais, coñecerán como funciona un caixeiro e como se contan os cartos nunha oficina de “laCaixa”.

Non hai que esquecer que as mestras están xa a preparar a que será a festa de final de curso, unha despedida para os nenos que cambiarán de centro o vindeiro curso. Non faltará tampouco a visita da Policía Local, que lles dará ós pequenos alumnos nocións básicas sobre seguridade viaria.





ir a inicio de página


© Di@rio de Arousa