Di@rio de Arousa
 
Edición electrónica  
Viernes 25 de Julio 2008 O salnés


A Xunta investirá 14 millóns de euros na restauración integral da ponte da Illa

J.P. > A ILLA

Política Territorial procederá á reparación integral da ponte da Illa de Arousa. FOLGOSO
A Xunta investirá uns 14 millóns de euros na reestructuración e reparación integral da ponte da Illa, que será readaptada ao uso de peóns e ciclistas. A actuación ten como obxectivo mellorar a seguridade sen minguar a súa capacidade nin a funcionalidade actual.

O Consello da Xunta autorizou a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes a acometer obras de reestruturación e reparación integral da ponte da Illa de Arousa, por un importe total de 14 millóns de euros.

O plan de reestruturación da ponte consiste nun reacondicionamento da plataforma actual de xeito que, ademais dos dous carrís para vehículos agora existentes, se incorporen zonas para peóns e ciclistas.

O obxectivo desta actuación é dotar esta infraestrutura de comunicación entre A Illa de Arousa e a península dun tratamento axeitado aos parámetros de seguridade viaria sen minguar, en ningún caso, a súa capacidade actual nin a súa funcionalidade.

Ademais da reestruturación da plataforma, o proxecto da Consellería de Política Territorial abrangue tamén unha actuación específica para a conservación e reparación dos elementos construtivos da ponte.

Os traballos proxectados denomínanse en termos de enxeñaría unha “posta a cero”, en termos de durabilidade e capacidade para 50 anos. É dicir, a estrutura acadará un nivel de saneamento como se se acabase de construír agora, sen menoscabo de manter a inspección periódica específica a que se someten as pontes de forma regular para garantir o seu perfecto estado.

As actuacións previstas na ponte da Illa de Arousa ­que teñen carácter preventivo­ forman parte do programa específico de supervisión de todas as pontes e estruturas de paso que existen nas estradas de titularidade autonómica, posto en marcha por primeira vez este ano pola Consellería de Política Territorial. Este programa abrangue a catalogación, descrición e avaliación do estado de conservación de todas estas infraestruturas, así como as medidas a curto, medio e longo prazo que deben ser aplicadas en cada caso.

A raíz da análise realizada na ponte da Illa de Arousa, os técnicos da consellería deseñaron un proxecto específico para esta infraestrutura. Os traballos que se van acometer son a corrección de fisuras no caixón da ponte e o saneamento da armaduras, da zona aérea dos piares, dos estribos e da obra de paso anexa á ponte no lado do continente. Tamén se pintarán todas as superficies exteriores do taboleiro, dos estribos e das pilas cunha pintura impermeable á auga exterior pero que permite drenar o vapor de auga interior, e substituiranse todos os aparellos de apoio que estean deteriorados.





ir a inicio de página


© Di@rio de Arousa