Vivenda asinará un convenio co Concello para rehabilitar a praza pública de Barrantes
REDACCIÓN > RIBADUMIA
 |
| Vivenda investirá 276.080 euros na Praza de Barrantes. EMILIO MOLDES |
A Xunta autorizou a sinatura dun convenio de colaboración entre a Consellería de Vivenda e Solo e o Concello de Ribadumia para levar a cabo as obras de rehabilitación da praza pública de Barrantes, situada no centro neurálxico do núcleo urbano da vila. A Consellería de Vivenda e Solo investirá 276.080 euros. O convenio implica por parte do departamento autonómico a achega do 80% do investimento total, que ascende a 345.100 euros. Este será distribuído en dúas anualidades, correspondéndolle 96.000 euros ao exercicio de 2008 e 180.080 euros con cargo aos orzamentos do exercicio de 2009. Pola súa parte, o Concello de Ribadumia asume o compromiso de levar a cabo todas as actuacións relativas á contratación das obras proxectadas, así como as relativas á obtención dos permisos e das autorizacións que sexan necesarias. O Goberno local tamén se compromete a realizar unha achega económica que supón o 20% do investimento total ao cal ascende o proxecto. Esta intervención permitirá ampliar as dimensións da praza pública de Barrantes converténdoa nunha praza multiúsos, creando tres espazos ben diferenciados ao aproveitar o desnivel actual do terreo. Comezará cunha praza con pavimento duro a base de lousa de granito e rústica na zona inicial. Esta enlazará cunha zona intermedia destinada a anfiteatro, potenciando o lugar como punto de celebración de representacións ao aire libre. A zona superior destinarase a parque verde onde se situará un parque infantil. O acceso a esta zona realizarase mediante as bancadas fixas do anfiteatro, tendo así dobre utilidade. Deste xeito, as obras consistirán fundamentalmente na demolición das lousas, pavimentos e demais elementos situados na zona das obras para ser cambiados por pavimento peonil de formigón e lousas de granito. Tamén se habilitará unha zona de xogo para nenos pequenos entre 1 e 4 anos, instalando o mobiliario adecuado para este uso, como columpios e bancos. A Consellería de Vivenda e Solo ten en marcha unha importante liña de axudas en colaboración cos concellos para a reurbanización e renovación dos espazos públicos. O obxectivo é a creación de espazos de calidade en que os residentes destes barrios interrelacionen como colectividade.
|