Di@rio de Arousa
 
Edición electrónica  
Viernes 25 de Julio 2008 O salnés


Os adegueiros artesáns inauguran o XI Encontro co Viño de Autor

CAROLINA CHÁVEZ > MEAÑO

José Carballido acompañou aos adegueiros na inauguración. EMILIO MOLDES
A Asociación de Bodegas Artesanas Rías Baixas inaugurou onte na Praza do Concello de Meaño, o “XI Encontro co Viño de Autor”, presentado polo director xeral de Estructuras e Infraestructuras Agrarias, José Carballido Presas. Á apertura tamén asistiron o secretario xeral de Relacións Exteriores, Julio César Fernández e o presidente do Consello Regulador da Denominación de Rías Baixas, José Ramón Meiriño, así como o alcalde do Concello de Meaño, entre outras personalidades.

Así, o acto comezou coa inauguración dos stands que estarán durante todo o encontro para que tódolos asistentes poidan catar os viños e demais produtos da terra que se ofrecerán durante a fin de semana.

O obxectivo das xornadas, que se prolongarán ata o domingo, é promocionar os albariños tradicionais da Asociación, así como ofrecer aos visitantes e cidadáns de Meaño unha mostra gastronómica. Porén, o programa que presenta a Asociación para esta fin de semana céntrase na variedade, xa que tanto a música, como a comida e as relacións comerciais estarán presentes ó longo da xornada.

Desta forma, está previsto que os stands abran ó público ás 11:30 horas, para unha hora máis tarde dar paso ao Consello Regulador do Mexillón en Galicia que repartirá degustacións e recetarios gratis xunto aos Viños de Autor, ademais de percebe de Cedeira.





ir a inicio de página


© Di@rio de Arousa