Di@rio de Arousa
 
Edición electrónica  
Viernes 25 de Julio 2008 Vilagarcía


O Consello de Administración do Porto decide o día 30 o futuro do Ramal

DAMIÁN PEREIRA > VILAGARCÍA

“A Rosa do Mar” é obra do escultor Xaquín Chaves e atópase ao final do peirao comercial de Ferrazo. FOLGOSO
O Consello de Administración da Autoridade Portuaria de Vilagarcía reunirase o vindeiro mércores para decidir o futuro do Peirao do Ramal, ademais de tratar unha nova autorización para a empresa estibadora Miller & Cia. S.A., signo do crecemento de Ferrazo.

O punto máis importante dos tratados polos representantes do Consello de Administración do Porto vilagarciáns será, non obstante, o proxecto para a reforma integral do Peirao do Ramal, idea que, con algunhas modificacións aínda non publicadas, parte da idea do recoñecido arquitecto Manuel Gallego Jorreto para levantar nesta rada un auténtico complexo multidisciplinar.

O plan, nado no seo da xefatura portuaria do socialista Jesús Paz, podería ver a luz en breve se o Consello da o seu visto bo a tan ambiciosa iniciativa, que inclúe, exclusivamente, o espazo delimitado pola rada norte do Porto de Vilagarcía, excluíndo, alomenos de momento, a parcela exterior adxacente, que nun principio entrara tamén no ambicioso plantexamento de Gallego Jorreto.

Aínda así, esta reunión só servirá para dilucidar o futuro do Ramal, xa que a sua transformación será, en calquera caso, un proceso moito máis laborioso.

A idea do arquitecto galego era crear na rada un centro de recepción de viaxeiros (pois o uso do peirao sería exclusivamente para embarcacións de recreo), un edificio multiusos aínda por definir, un balneario-centro de talasoterapia e un centro comercial.

Outros puntos > Na orde do día tamén se contempla o outorgamento de autorización á empresa Miller & Cia. S.A. para a realización da actividade de consignación de buques e mercadorías. Isto indica que o Peirao de Ferrazo está a xerar, tal e como indicou o presidente da Autoridade Portuaria, Javier Gago, unha gran necesidade de estibadores que traballen na carga e descarga de colectores na rada de Vilagarcía.

Ademais, o Consello tamén debatirá sobre tres obras para o futuro máis inmediato: a licitación para contratación dos traballos de ampliación do Peirao Comercial, a licitación das obras do edificio para o Posto de Inspección Fronteiriza e o mesmo plan para o novo centro de control no peirao comercial.

Tamén se falará do préstamo que a Autoridade Portuaria solicitará para levar a cabo a vía do tren de mercadorías a Ferrazo.





ir a inicio de página


© Di@rio de Arousa