O cambio de temperatura rexistrado nas augas próximas á desembocadura do Río Ulla sempre perxudica á ameixa fina chegadas estas datas, aínda que nesta ocasión, a pesar de que aínda non existen datos contrastados, xa se pode falar dun importante aumento da mortandade deste bivalvo en Carril.Fernando Franco asegura que é difícil calcular as cantidades totais de perdas debidas á elevada temperatura da auga, pero o que si é certo é que sempre afecta con máis virulencia á ameixa fina.
As características e particularidades desta modalidade tan común nos parques de cultivo carrilexos fan dela unha vítima propiciatoria no verán.
Non obstante, o patrón maior de Santiago Apóstol destaca que, aínda que en menor medida, tamén afecta a outras especies, sobre todo á ameixa xapónica.
Fernando Franco recoñece a preocupación do sector marisqueiro carrilexo ante unha situación que se repite ciclicamente e que, de momento, non ten visos de solucionarse.
A esperanza de parquistas e mariscadoras radica nas investigacións que nos últimos tempos están a levar nos laboratorios da Xunta de Galicia. Fernando Franco lembra que ata o momento non coñecemos se hai algún avance, pero confiamos en que así sexa.
Mentres a ciencia non atopa solucións para este preocupante problema para os bancos carrilexos, o sector marisqueiro, maioritario na localidade vilagarciana, segue a padecer a perda de boa parte da súa riqueza.
Obviamente, estas incidencias non perxudicarán á Festa da Ameixa xa que a organización xa prevía esta situación e ademais a ameixa fina non é empregada nesta celebración.