O comité de empresa de Cespa, a concesionaria do servicio de limpeza do Concello de Vilagarcía, está a piques de convocar unha folga logo de non acadar un acordo para o convenio colectivo. A empresa, según o representante dos traballadores, aínda non deu resposta algunha ás súas peticións, polo que finalmente temen que terán que recurrir a unha medida de presión que afectará especialmente ós vilagarciáns. Hai que sinalar que noutros municipios da provincia de Pontevedra a negociación destes convenios xa está a provocar medidas de presión destas características, como é o caso de Nigrán. A este sumarase a convocatoria de folga en Pontevedra, que aproveitarán a celebración das festas como medida para que a empresa acepte as súas reivindicación.
No caso de que en Vilagarcía non logren unha resposta satisfactoria antes do día 30 deste mes, o comité de empresa convocará tamén unha folga que se desenvolverá precisamente en plenas festas de San Roque, afectando así ó desenvolvemento dos eventos que se organicen, como podería ser a Festa da Auga, unha das datas que deixa unha maior acumulación de desperdicios na rúa e que tódolos anos mobiliza ós traballadores de Cespa para a limpeza extraordinaria das rúas.
Dende o comité de empresa sinalaron, sin embargo, que manteñen a súa disposición para negociar coa empresa. Neste sentido, os representantes dos traballadores sinalan que teñen constancia da mediación realizada polo Concello de Vilagarcía neste conflicto e que agora esperan que sexa a empresa a que se poña en contacto con eles para tratar de resolver unha negociación que, lembran, iniciouse xa no mes de xaneiro. Neste sentido, non comprenden por que esperan ata última hora para resolver as demandas que os traballadores plantexan como xustas. Estas pasan non só polas peticións de incremento salarial, senón tamén de máis e moderna maquinaria e ata dun incremento de persoal, xa que inciden en que a plantilla non se incrementou nos últimos anos a pesares do aumento de poboación de Vilagarcía e das zonas a limpar.
Os traballadores lamentan que a ausencia de resposta por parte dos responsables da empresa teña como consecuencia unha folga que afectará aos veciños e veciñas de Vilagarcía, unha situación que, inciden, non desexamos.
Hai que lembrar que en Cespa non existe un convenio que rixa para toda a provincia, senón que elaboran un por cada lugar no que opera esta empresa. En Vilagarcía os traballadores non darán a volta e manterán as súas demandas enriba da mesa para negociar.