Di@rio de Arousa
 
Edición electrónica  
Viernes 25 de Julio 2008 Vilagarcía


Deteñen en Cornazo a un home que causou danos nun coche e na casa dos seus fillos

REDACCIÓN > VILAGARCÍA

A Policía Local detivo na madrugada de onte a un veciño de Cornazo por un presunto delicto de malos tratos no ámbito familiar. J. L.G.G., de 57 anos, foi localizado cando estaba a causar danos na vivenda dos seus fillos. No momento da súa detención, os axentes comprobaron que se atopaba baixo a influencia de bebidas alcohólicas e decidiron trasladalo ao Hospital do Salnés.

A chamada de alerta a recibiu a Policía Local de Vilagarcía ás catro da mañá. A esa hora, unha patrulla desprazouse á Rúa Horta Vella, de Cornazo, onde unha muller solicitaba a súa intervención tras comprobar que un home “en estado moi alterado e violento” estaba causando desperfectos nun vehículo e na vivenda dos seus fillos, situada na parte superior dun inmoble, no que tamén reside o agora detido, xa que, según explicaron dende a Policía Local, este vive na planta baixa.

No momento en que os axentes chegaron ao lugar en cuestión, J. L. G. G. estaba a proferir numerosas ameazas ós seus dous fillos de 29 e 20 anos de idade ó negarse estes a acceder ás súas peticións de diñeiro.

O parte realizado polos axentes da Policía Local indica que o detido é reincidente en sucesos deste tipo e que xa estivera ingresado en varios ocasións para recibir tratamento médico.

No momento dos feitos, relatan, notábase que bebera e, tras proceder a súa detención por un presunto delicto de malos tratos no ámbito familiar, decidiron levalo ata o Hospital do Salnés para ser atendido polos facultativos.





ir a inicio de página


© Di@rio de Arousa