Di@rio de Arousa
 
Edición electrónica  
Viernes 25 de Julio 2008 Vilagarcía


O PP pide ó Concello que cumpra a lei sobre a limpeza de fincas

REDACCIÓN > VILAGARCÍA

O Partido Popular de Vilagarcía presentará no vindeiro Pleno ordinario unha moción dirixida a que o Concello cumpra a lexislación vixente en relación coa limpeza de fincas para que se execute a normativa en relación ó saneamento de solares. Esta petición obedece ás denuncias continuas que están a aparecer por estas situacións nas distintas parroquias do municipio vilagarcián.

O voceiro do grupo municipal do Partido Popular, Tomás Fole, e mailo responsable de Limpeza e Medio Ambiente deste partido, Juan Maneiro, visitaron o pasado mércores varios predios en estado de abandono que están a provocar a queixa dos veciños ante a que califican de “pasividade do Concello”.

Juan Maneiro lembra que a Lei 9/2002 de Ordenación Urbanística e Protección do Medio Rural de Galicia faculta aos concellos a obrigar a propietarios de fincas particulares a manter as mesmas en condicións axeitadas de seguridade, salubridade e ornato público.

Así mesmo, a Lei 3/2007, de prevención e defensa contra incendios forestais, contempla tamén obrigas e responsabilidades municipais en canto á limpeza da masa vexetal.

“O Goberno de Vilagarcía non está a exercer o establecido nesas leis e está a mirar para outro lado ante as queixas e denuncias dos cidadáns”, di Maneiro.





ir a inicio de página


© Di@rio de Arousa