Di@rio de Arousa
 
Edición electrónica  
Viernes 25 de Julio 2008 Vilagarcía


Vilagarcía acolle un festival solidario co pobo saharaui con selo galego

LORENA FERREÑO > VILAGARCÍA

A presentación do concerto solidario tivo lugar onte no Auditorio. E. MOLDES
O exterior do Auditorio de Vilagarcía de Arousa acollerá o próximo 1 de agosto, a partir das 20.30 horas, un concerto benéfico en favor do pobo saharaui no que se darán cita numerosos artistas galegos.

Os cartos das entradas, tres euros, irán destinados integramente ao pago dos billetes de avión dos pequenos a Galicia.

Durante a presentación onte do acto o tenente alcalde, Xosé Castro Ratón, quixo resaltar o carácter solidario da actuación por riba dos contidos musicais.

“Espero que a cidadanía exprese coa súa presenza no acto o sentido de solidaridade que queremos extender ao pobo saharaui”, sinalou Ratón.

Posición que respaldou tamén a representante da Asociación de Axuda ao Pobo Saharaui en Vilagarcía, Loli Santos, que destacou o compromiso de todas as familias de acollida.

“Queremos que todo o mundo que asista o concerto sepa o que está a pasar no Sáhara pero dun xeito amable, tratando de pasalo ben”, asegurou Santos.

Actualmente a asociación de defensa do pobo saharaui debe ás aerolíneas nas que viaxan os pequenos cerca de 80.000 euros pola falta de colaboración dalgúns concellos galegos.

Pola súa banda a concelleira de Xuventude, Ana Lorenzo, remarcou a colaboración desinteresada de todos os que participan no festival e aproveitou para recordar o compromiso do seu departamento coa causa.

“Imos seguir colaborando non só con aportacións económicas, senon tamén con actividades e programas que contribúan a acabar con esta inxustiza ”, afirmou.

Tamén a edil de Educación, Susana Camiño, quixo deixar clara a disponibilidade do seu departamento coa causa saharaui.

As actuacións que serán presentadas por Xurxo Souto, ex cantante do grupo “Diplomáticos de Monte alto”, terán un selo puramente galego e contarán coa participación do actor Xulio Abonjo.

No cartel musical benéfico figuran ‘A Asociación Cultural Dorna da Illa de Arousa’, o cantautor Chus Silva, que ademáis da súa voz aportará unha amplia reportaxe de fotos do Sáhara, a banda percusionista “Trópico de Grelo”, “Shanga Noeda”, “La Sonora”, “Banda Potenkim” e “Tarú e os Paxaros Coiro”.





ir a inicio de página


© Di@rio de Arousa