Elisa aproveita a constitución da Xunta Local Meca da AECC para abandonar voluntariamente as principais responsabilidades, coa tranquilidade de quen olla para o relevo e a continuidade dun traballo necesario. Como empezou a súa colaboración coa AECC?
Antes aquí non había nada organizado, e falararon comigo para que mirara a situación no Grove, hai xa vinte anos. Eu era o enlace cos enfermos e a asociación de Pontevedra, onde estaba a entidade principal.
E realizaba máis funcións.
Sempre hai que facer un traballo de captación de medios e recursos, atender aos enfermos que o demandaban, facilitar psicólogos ou asistencia na casa, e incluso axudas económicas para os máis necesitados.
Unhas tarefas que deixarían moitas satisfaccións, pero tamén sinsabores...
A xente sempre foi moi agradecida e respondeu moi ben, así que nese sentido só houbo satisfacción. Ao traballar con esta enfermidade, os desgustos foron sempre do mesmo tipo, xa que hai outros que xa non están.
Cambiou moito a percepción social desta enfermidade?
Afortunadamente si, antes a xente era moi reacia a falar abertamente dela, e agora incluso hai enfermos que colaboran na asociación. Antes asociábase automaticamente o cancro á morte, en canto se tiña coñecemento, e agora pénsase nun primeiro momento nos tratamentos que existen e se precisan e hai máis información.
Agora abrése unha etapa nova no Grove.
Agora constitúese unha Xunta Local, hai xente nova traballando, enferma e non, e esperamos poder dar máis servizos, como a asistencia domiciliaria. Tamén aspiramos a contar co tempo cun local social, seguiremos coa programación dos cursiños de voluntariado, que son moi importantes, e a captación de socios e de recursos económicos tamén ten que ser continua.
Comezades esta xeira cunha conferencia sobre o cancro de mama, xa que queredes chamar a atención sobre a importancia da prevención.
A prevención, actuar antes, é o máis importante para todo, en xeral. No caso do cancro, hai campañas periódicas, especialmente sobre os máis extendidos, o de pulmón nos homes e o da mama nas mulleres, e o mes pasado foi o Día contra o Cancro de Mama, arredor do cal tamén se organizan cousas, pero hai que continuar a informar sempre, actuar antes se é posible.