SECTARISMO ECLESIAL
O GALO NO TELLADOLUÍS ÁLVAREZ POUSA
Ten Rouco Varela un don: dicir sempre o que pensa. É de agradecer. Postos a escoller, eu quédome con el, que non bordea os labirintos teologais, e non cos eclesiásticos que as matan calando. Cando os discursos cos que se alimentan a diario os medios de comunicación non fan outra cousa que capear o temporal, que o interlocutor español da máis grande entre as organizacións político/relixiosas do mundo poña o seu a remollo, sen enguedellarse en retóricas nin en metáforas, non merece senón gabanzas. Contraprograma as iniciativas do Goberno, e non o nega, valéndose do seu reconquistado posto de vicario episcopal de Roma en Madrid. Na pasada lexislatura, desfilando de bracete co máis granado da ultradereita hispana, para poñer de volta e media a lei dos matrimonios homosexuais, e para coleccionar obxetores de conciencia contra Educación para a cidadanía. Tócalle agora á memoria histórica.Aos que case nunca estamos de acordo coas súas lerias episcopais dános os argumentos limpos de pó e palla. Outra cousa máis que agradecerlle ao purpurado vilalbés. Por el sabemos á fin que a memoria da Igrexa é selectiva. Non contenta con borrar do seu disco duro as imaxes da traición á democracia, con prelados brazo en alto cantando o Cara al sol a dúo co xeneralísimo golpista, tamén quere agora amontoar lousas de silenzo sobre as vítimas do nacionalcatolicismo. Saber olvidar. Velaí o último sermón do cardeal. Rouco un posmoderno? Non cadra. Se algún dos bispos actuais, case todos cortados polo patrón contrareformista imposto polos dous últimos papas, é un conservador de raíz, ese é el. Quen ten como fonte única a verdade revelada, e fai da historia do cristianismo o seu manual da cabeceira, descalificando no seu nome todo o que desembocou na modernidade, dificilmente pode refrendar o que a posmodernidade truxo con ela: a desmemoria. Por iso, ao posicionarse contra a lei da memoria histórica cun discurso baseado na necesidade de olvidar -o seu reelexido secretario, o non menos conservador Martínez Camino, completou:porque esta cuestión ya había quedado superada hace tiempo-, entrámpase a sí mesmo, amagando con facer desa ideoloxizada recomendación doutrina católica. Unha recomendación ahistórica e amoral: faina despois de elevar aos altares aos seus 500 mártires. De aceptala os que a practican, acabarían sancionando a súa adscrición a unha igrexa sectaria. Que vai, e con ela Rouco, contra o máis sagrado das persoas: a súa dignidade. Pola que agardan milleiros de desaparecidos.
|