Di@rio de Arousa
 
Edición electrónica  
Lunes 1 de Diciembre 2008 Opiniones


SEN O DÓLAR

SEMPRE NO MUNDO

XULIO RÍOS

A voltas coa crise, sen respiro a pesar da gravidade das tensións xurdidas en lugares tan afastados como Tailandia ou India, entre laios pola ignorancia dos nosos líderes políticos e económicos que non logran transmitir sequera confianza á cidadanía respecto da indicación das súas causas, pero tamén pola inexistencia de alternativas superadoras do modelo imperante, velaí que irrompe de novo a treboada bolivariana.

Ao pouco de consumar unha nova vitoria nas recentes eleccións municipais (con paliativos pola perda de Caracas e o afincamento dunha oposición máis vertebrada nos estados máis ricos), Chávez convocou os líderes do ALBA (Alternativa Bolivariana para os Pobos de América) co propósito de discutir medidas para encarar a crise e abordala cunha sensibilidade e perspectiva diferente á exhibida polas grandes potencias.

A declaración final, que non foi asinada nin por Cuba nin por Dominica, pero si por Ecuador, que participa no ALBA a titulo de observador, abunda en tópicos, pero tamén suxire outro rumbo. A esencia das propostas deste organismo alternativo a aquel ALCA (Area de Libre Comercio das Américas) que alenta Washington, parte dunha crítica ao modelo depredador capitalista e do cuestionamento dun sistema financeiro internacional que promoveu a libre circulación de capitais e o dominio da lóxica da especulación financeira sobre a satisfacción das necesidades dos pobos. Ata aí nada novo.

A opción alternativa barallada por Venezuela, Nicaragua, Bolivia, Honduras e Ecuador inclúe a creación dunha zona econ ómico-monetaria capaz de fomentar o desenvolvemento das economías á marxe das institucións financeiras globais, acusadas de ineficientes, configurando un espazo liberado do monopolio do dólar. Esa “desdolarización” do intercambio económico iría acompañada da creación dunha moeda común, o sucre.

A sobremesa chegaba o presidente da Federación Rusa. No palacio de Miraflores quedaban aínda algúns atando os cabos do acordo, un texto que apunta noutra dirección, impecablemente formulado, pero difícil de plasmar sen a anuencia de valedores externos de peso que hoxe, polo momento, seguen amosando outras urxencias e temores en carteira se ben sen perder de vista a oportunidade de erosionar o aínda inmenso poder do dólar.



ir a inicio de página


© Di@rio de Arousa