Se por algo se caracterizan os tempos nos que andamos é pola mecanización da maioría dos procesos industriais. Pero hai cousas que por moita maquinaria que se invente nunca van superar o feito a man.Un grupo de veciñas do concello de Valga, dirixidas por Lita Santos Suárez, de Padrón, amosan toda a súa arte cos bolillos, demostrando que iso non só é cousa das mulleres (e tamén homes) de Camariñas. Deste xeito, e durante estes días de verán, todos os interesados en contemplar e observar o resultado desta labor artesanal pódeno facer, en horario de oficina, no segundo andar da Casa Consistorial valguesa.
Desta volta, os dous grupos de traballo, que realizan as súas pezas en Cordeiro e Pontevalga, amosan as distintas puntillas para manteis, panos, toallas, agasallos para todo tipo de celebracións, e incluso ligas para as noivas son só algunha das moitas e variadas pezas que se poden ver.
Complexidade > E para demostrar que o traballo non é nin tan sinxelo nin tan complexo como parece, na exposición, que se atopa a carón das oficinas centrais do Concello, pódense ver os elementos cos que estas artistas das labores levan a cabo as súas obras.
O traballo quizais poucas veces se vexa recompensado co prezo que nalgunhas ocasións se chega a pedir por estas elaboracións totalmente artesanais, pero hai que ter en conta que son labores que teñen as súas horas de traballo enriba e que na maioría dos casos, lles teñen que quitar ao sono.
Así, para facer un agasallo orixinal, ben a un familiar, amigo, parella ou incluso tamén nalgún tipo de celebración persoal e especial, esta é unha boa opción para dar un obsequio persoal e seguramente que tamén único e irrepetible posto que está feito a man.