A Casa da Cutura Rivas Briones, de Vilagarcía, vístese de longo para ofrecer unha mostra de carácter internacional xa que dende o venres acolle unha exposición con traballos de diversos creadores de España e tamén dos Países Baixos. Baixo o título de Eduarte, os artistas propóñense establecer un intercambio profesional entre coñecidos creadores dos dous países e os concellos, galerías e museos, sen esquecerse das institucións culturais e dos amantes da arte, en xeral.
Pintura, escultura e fotografía, aínda que predominan os traballos cos pinceis e os lenzos, son o tipo de obras que ateigan de arte as salas da Rivas Briones durante todos estes días de comezo de outono.
Pero Eduarte é máis ca unha exposición; é unha páxina web que engloba a máis de vinte artistas das diversas especialidades
Obxectivo > O intercambio entre os creadores ten como intención fomentar a calidade das exposicións, o coleccionismo de obras de arte e o recoñecemento de artistas holandeses en España e de artistas españois nos Países Baixos.
Na actualidade, en Eduarte participan preto de trinta pensadores profesionais dos dous países e que cada ano realizan conxuntamente preto de dez mostras en cada un dos lugares de orixe, fundamentalmente en Amsterdam, Durgerdam, Madrid, Galicia e tamén en Andalucía.
Obras realizadas con aparellos do máis curioso e chamativo e dos estilos máis variados son as que compoñen a exposición que durante estes días se atopa nas paredes e tamén nas instalacións da Rivas Briones e que achegan unha perspectiva diferente e moi directa da arte que se realiza en dous países a priori tan distintos un do outro. En definitiva, diferentes estilos para unha mesma mostra.