Por primeira vez, Melchor, Gaspar e Baltasar falaron con todos e cada un dos rapaces que quixeron dirixirse a eles en persoa. En Ravella, decenas de nenas e nenos tiveron a oportunidade de expresarlle aos Reis cales son os regalos que agardan con máis ilusión para a xornada de hoxe. Os magos de Oriente prometéronlles que, se se portaron ben, as bicis, os videoxogos e as bonecas visitarán os seus fogares procedentes das grandes sacas chegadas dos países máis exóticos.Para facer máis doce a espera, Gaspar, Melchor e Baltasar agasallaron aos rapaces cuns pasteis cortesía de Martínez-Bimbo e Gadisa.
E é que as nenas e nenos que estiveron agardando durante máis tempo a chegada dos Reis gardaron unha ordeada cola diante da entrada da Policía Local para poder estar presentes ante os magos. Diante do Concello houbo un pequeno espectáculo á altura da real visita, para demostralles aos visitantes que Vilagarcía sabe recibir ás eminencias como se merecen.
Por iso os fogos estiveron perfectamente dispostos no propio Concello e, durante varios minutos, engalanaron a paisaxe co marabilloso ruído que serviu de preludio á rela audiencia.
Os nenos, sabedores da longa viaxe que realizaron os Reis Magos dende Oriente, deixaron que estes marchasen para que se puidesen deitar. Ao día seguinte había moita Vilagarcía que percorrer e unha chea de regalos comprometidos.