O voceiro nacional do BNG, Anxo Quintana, congratulouse onte de que o presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, expresase a súa intención de acabar co caciquismo e díxolle que ten no seu propio partido un bo banco de probas.Nun acto en Lugo para rememorar que hai 90 anos se reuniu alí por primeira vez a Asemblea Nacionalista, Quintana ironizou con que tempo era de que o dirixente do PPdeG apostase por loitar contra o caciquismo. Ten a súa propia casa para empezar e ese é un bo banco de probas, afirmou. Tamén recriminou a Feijóo que siga empeñado na súa cruzada contra o galego e en matar este idioma. Iso seguramente daríalle votos se se presentase por Madrid, pero dificilmente terá rédito electoral nun país onde a inmensa maioría ama e quere ao galego, alertou aos populares.
Aludiu ademais ao interese de Feijóo por negociar a reforma do Estatuto co PSOE, o que lle serviu para acusar ao político popular de actuar co obxectivo de dividir á xente e ás forzas políticas. Fronte a iso, indicou que a revisión estatutaria é necesaria para Galicia, pero cunha condición: Ten que ser unha cousa de todos e froito do consenso de todas as forzas políticas.
Eu son nacionalista e quero para Galicia un Estatuto de primeira, un Estatuto de nación, pero tan claro como iso tamén teño a idea de que ten que ser un Estatuto de todos os galegos, agregou.
Pola sua banda, o voceiro parlamentario do PSdeG, Ismael Rego, ironizou onte coa importante novidade que supoñen as declaracións de Feijóo sobre caciquismo en caso de ser presidente da Xunta, aínda que lle preguntou por qué apadrinou estes sistemas durante 16 anos nos gobernos nos que participou, afirmou.