A Asociación O Faiado 2, de Boiro, organizou recentemente a IIIª Xuntanza Literaria: Barbanza na escrita de séculos pasados onde persoeiros da vida pública da comarca e tamén asistentes anónimos quixeron participar da lectura de diversos textos de autores xa finados da comarca do Barbanza. A viúva do escritor e xornalista Borobó, Carlota Paz, Maribel Martínez, filla do escritor boirense Ramón Martínez López así como familiares de Celestino García Romero, Ramón Fernández Mato ou Valle Inclán, entre outros, foron algúns dos asistentes ilustres a esta IIIª lectura de textos que organiza O Faiado 2 co fin de manter viva a literatura saída das plumas de autores da zona.
En definitva, textos de Valle-Inclán, Martínez López ou Fernández Mato foron só unha parte dos fragmentos seleccionados polos lectores que se decidiron a participar no evento que xa ten anunciada a súa continuidade coa celebración de máis edicións.
Máis actos > Pero o evento cultural non se cinguiu unicamente á lectura dos traballos senón que tamén se levou a cabo a proxección dunha curtametraxe que versaba sobre o escritor Ramón Fernández Mato, cinta que foi presentada e seleccionada no Clúster Audiovisual Galego 2006 e que partía da idea de Gonzalo Sellés Lenard. Nesta actividade participaron dende o concelleiro de Festexos de Boiro, Xerardo Piñeiro, ata lectores non tan populares, como Xesús Santos Suárez, Silvia Mirón, J. Ordóñez Buela, Fran Couselo, Xoán Guitián, Blanca Caamaño, Isabel Santos ou Mª Luísa López, a presidenta da asociación.
A celebración, á marxe de querer recuperar a memoria dos autores barbanzáns, tamén ten como finalidade manter o interese pola lectura, que nestes intres é baixo.