A derradeira Diana...

sociedade galega en xeral, e a arousá en particular, parece que fixeran estes días de cambio de ano un exercizo colectivo de respiración de alivio pola presunta resolución, satisfactoria, do caso de Diana Quer, despois de ano e medio de pescudas, misterios e morbo mediático, que tamén o houbo dabondo.
Onte pola mañá comparecían orgullosos e lucindo tódalas súas medallas no peito os mandos da Garda Civil responsables de impulsa-la investigación ao longo destes interminables meses que facían presaxiar que o de Diana sería outro caso irresolto relacionado coa desaparición de persoas no Estado Español que, en democracia, debe de ser un dos que máis alta porcentaxe ten entre os países avanzados e iso que xa non está en antena aquel programa de Paco Lobatón, “¿Quien sabe dónde?” que supuxera un fito no panorama mediático español, pero que tamén era unha manifestación clara da existencia dun grave problema de seguridade cidadá no noso país.
Parece que por fin o responsable está, presuntamente, entre reixas e será cuestión de relativamente pouco tempo ver como se substancia ante a Xustiza o seu crime e recibe a condea que a sociedade demanda para este tipo de accións monstrosas ante a que ninguén pode ficar impasible.
Ao referirnos ao caso Diana Quer estamos sinalando un episodio claro de violencia contra a muller, no seu grao máximo e evidente, pero non debemos esquecer que hai outros moitos tipos de agresións que sufre unha parte importante da poboación e que permanece, non digo consentido, pero si presente dun xeito latente na nosa sociedade sin que acabe de extirparse de todo.
Refírome aos novos xeitos de dominación e control dos mozos ás súas parellas a través das redes sociais, as aplicacións de móbiles, a comportamentos intolerantes e dañinos que lonxe de irse extinguindo a medida que nos introducimos no século XXI parecera que foran mutando de tal xeito que poden seguir sendo asumidos tácitamente pola nosa sociedade facendo do problema da violencia de xénero, de novo, unha cuestión de “sorte” ou un problema individual “do ámbito do privado” en lugar de ser visto como unha cuestión de incompatibilidade co ser humano e calquera modo de convivencia evolucionada, avanzada.
Hoxe máis que nunca temos que dicir “tolerancia cero” coa violencia contra as mulleres, veña de onde veña e exérzase dun xeito criminal ou coa habilidade dun psicópata manipulador amparado nunha celosa intimidade, para que consigamos de xeito colectivo que esteamos de verdade ante a derradeira diana do maltrato e o feminicidio, ou non

A derradeira Diana...

Te puede interesar