Alerta laranxa...

Desde logo como nos teñen comido o coco os medios audiovisuais… Este mediodía escoitaba de fondo a televisión mentras que estaba xantando e escoito falar de que acábase de declarar a alerta laranxa por mor da entrada dun fronte frío desde a zona atlántica e que irá avanzando de tal xeito que deixará neve por enriba de cotas de 400 metros de altitude.
No primeiro momento crin que escoitara mal polo sol que facía neses momentos na miña casa e logo, como estou algo “teniente”, pensei que se referían ao problema desencadenado no Parlamento español polos de Albert Rivera, si os de Cidadáns, os “laranxitos”, por non apoiar ao goberno no decreto da estiba, o que vai supor unha importante sanción económica imposta polos nosos amigos e aliados da Unión Europea.
A verdade é que me colleu de sorpresa porque a situación metereolóxica do momento non parecía albiscar a chegada de ningún fronte frío que acabara coa esperanzadora primavera que tivemos a pasada semana e que trouxera a manifestación máis clásica dun cru inverno, como son as neves coroando o monte Xiabre, pero…
O máis curioso do tema é que, rápidamente comezaron a fluir nas redes sociais toda unha serie de mensaxes que reproducían comunicados oficiais da Xunta, da Consellería de Educación, de centros educativos, etc. que falaban da supresión do transporte escolar para hoxe e mañá, pero ninguén falaba de si se suspendían as clases ou non deixando ao libre albedrío das direccións dos centros, e supoño que tamén a dos propios pais, a decisión de enviar ou non aos seus fillos ao previsible inverno siberiano que se nos aproxima inexorablemente (veremos…).
O que me parece ridículo e irresponsable é que desde as autoridades autonómicas non se colla o touro polos cornos e se diga claramente si tal ou cal centro educativo vai impartir clases ou non porque desde logo a responsabilidade político-administrativa está para ser exercida nestes casos e non diluila entre pais, mestres, directores dos colexios, etc.
Que temos que entender, que si non hai transporte escolar non hai clase ou “búscate la vida” que o que chegue á meta poderá ter opción a beneficiarse da actividade lectiva? Creo que neste xogo no que ninguén se quere pillar as mans falta valentía e resolución política para tomar rendas dunha situación que afecta a un importante número de cidadáns, ou non?

Alerta laranxa...

Te puede interesar