Eclipse social...

stes días andamos máis preocupados de mirar ao ceo que ver o que temos realmente diante do noso nariz. Hai un dito que fala de que cando un sinala á lúa o tonto mira ao dedo. Eu non sei se o que nos está a pasar na sociedade actual é algo parecido e non me refiro a un fenómeno astrolóxico como pudera ser o eclipse de sol que estes días mantivo en penumbra a parte dos Estados Unidos e que en Galicia se notou nun pequeno anaco inferior do astro rei.
Creo que máis ben estamos asistindo a unha situación anómala onde sufrimos toda unha serie de consecuencias sin ser quen de descubrir cal é a causa real ou onde se atopa a orixe do que nos sucede. Todo o mundo bota as mans á cabeza e todo nos acaba sorprendendo dun xeito especial que nos enche de incredulidade.
Os recentes atentados en Barcelona e Cambrils que tiveron como protagonistas a un grupo sanguinario composto por islamistas radicais e fanáticos puxo en tela de xuizo as relacións humanas que estamos a construir e sobre todo a escala de valores que cimenta calquera convivencia cidadá baseada na tolerancia, o respecto e o diversidade.
Algúns dos elementos que participaron neses comandos da morte eran persoas que tiñan amosado públicamente o seu fundamentalismo relixioso e a súa radicalidade, pero outros moitos non. Eran mozos perfectamente integrados e que carecían de calquera característica que os identificara diante dos seus conveciños como sociópatas, pero que a modo de células durmintes, pareceran terse despertado para provocar un pesadelo colectivo coa súa sanguenta acción, incomprensible e inxustificable.
Ninguén se deu conta do que pasaba, pero pasou e é máis, ninguén dubida de que volverá pasar noutro lugar máis cedo que tarde mentras na lonxanía se seguen a escoitar tambores de guerra de diversos tamaños segundo sexa a capacidade operativa e a proximidade do conflicto. Se non hai moitos anos o foco estaba posto en Iraque, Afganistán ou Siria agora o ruxe-ruxe lévanos cara o continente asiático e ten como punto neurálxico o enfrontamento, de momento dialéctico, entre Estados Unidos e Corea do Norte.
Está claro que os culpables son os terroristas, pero a súa existencia tamén é un claro síntoma de que algo non está a funcionar de todo ben e si non houbera causa obxectiva para a súa existencia esta deixaría de subsistir, ou non?

 

Eclipse social...

Te puede interesar