Nin viño nin ameixa...

Coas altas temperaturas entramos nas comarcas arousás en pleno verán coas festas gastronómicas e de exaltación vitivinícola como principais protagonistas do lecer, non so para os residentes locais senón tamén para os milleiros de visitantes que estes días están recalando nos distintos establecementos hostaleiros do Salnés, O Barbanza e Ulla-Umia así como nas Rías Baixas, ou incluso nas inmediacións da capital de Galicia, e que teñen con estas citas unha visita obrigada.
A salsa de tódolos anos, envolta en enfrontamento de egos e de distintas sensibilidades, soe aderezar cada unha destas celebracións en maior ou menor medida, pero hai que recoñecer que nunca chegaron a unha situación tan prebélica como a que se está a vivir nesta edición da Festa da Ameixa, entre organizadores e Concello de Vilagarcía, e as celebracións da Cidade Europea do Viño, entre o goberno multipartito cambadés, a Xunta de Galicia e o propio Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas.
E parece que a escalada de hostilidades, lonxe de ir diminuíndo a medida que se achegan as datas clave, van aumentando con ameazas veladas (e non tanto) que poden acabar con afundir a imaxe exterior da nosa comarca a través dunha loita sin cuartel protagonizada por persoas que teñen no diálogo e a búsqueda de saídas satisfactorias para todos a menor das súas preocupacións, a xulgar polos resultados.
Aquelo de “si non queren, peor para eles” estase convertendo no argumento esgrimido por tódalas partes, moi seguras da súa forza, e actuando de xeito inconsciente e sin pensar no ben común e no interese xeral, cegados moitas veces pola súa propia visión da realidade que pode acabar nun posicionamento irreconciliable que vaia en contra de todo o conquerido ata o momento provocando danos colaterais indesexables e impredecibles que logo imos ter que lamentar durante moitos anos. O diálogo é a ferramenta fundamental para superar as diferencias e non como escusa para non quedar mal diante dos medios de comunicación e, por ende, coa opinión pública e publicada senón que hai que se sentar coa convicción clara de que, polo ben de todos, haise que levantar cun acordo feito, sexa de mínimos para uns ou de máxima renuncia para outros. Pois señores e señoras responsables de institucións, administracións, sectores produtivos, etc. actúen como tal e resolvan o conflicto e si non poden ou non saben deixen paso a quen poda comportarse civilizadamente porque o todo importa máis que as partes, ou non?

Nin viño nin ameixa...

Te puede interesar