O touciño de Carril...

índa que a Asociación dos Profesionais do Sector Pesqueiro do Litoral Mediterráneo Andaluz se apresurara a desmentir ou clarificar que a utilización do nome “de Carril” para definir a ameixa “Venus Nux” débese a un erro da voceira de Cidadáns no parlamento andaluz, Marta Bosquet, máis que a unha intención clara de aproveitarse da marca “Ameixa de Carril”, non debemos estar moi tranquilos e temos que manter as espadas en alto porque o que hoxe é un “lapsus linguae” ou un erro por desinformación da política alaranxada podemos estar falando mañá dunha apropiación indebida dun patrimonio con denominación de orixe con especial sensibilidade para o consumidor e un sector como o marisqueiro de Carril.
A cuestión quizais non merece a pena máis que desde un punto de vista anecdótico, pero desde logo camarón que se durme, lévao a corrente e no tema da acuicultura en Galicia entre a desunión do sector, os problemas da desinformación e os intereses creados son un excelente caldo de cultivo para que agrome a competencia desleal e os sucedáneos, por dicilo dun xeito suave.
Non podemos esquecer que as Rías Baixas, e especialmente a de Arousa, son unha potencia mundial en acuicultura, pero tamén non é menos certo que innovadores e emprendedores galegos teñen máis sorte nos “mares do sur” á hora de poñer en marcha, por exemplo, prototipos de bateas ou ensaios en materia de cultivos mariños o cal pode acabar sendo un auténtico tiro no pé do noso sector primario por non estar atentos e non colaborar co I+D+i por non ter unha visión clara de futuro.
Quizais o tema, insisto, non deixa de ser unha cuestión puntual, pero tamén non é menos certo que hai que tomar medidas axeitadas para protexer a trazabilidade e a calidade do noso produto porque se non podemos acabar asistindo a denominacións “fraudulentas” como “tipo Carril”, “criadas en…”, “similares a…”, “estilo Carril”, etc. que o que poden provocar claramente é o despiste entre o consumidor final e acabar cun marchamo de calidade único e xenuino como son as Ameixas de Carril.
Polo tanto, esto pode ser tamén unha chamada de atención ás nosas autoridades autonómicas, ao propio sector e tamén, como non, aos productores que moitas veces enfrascados en liortas infrutuosas van caendo na desidia e no cansanzo deixando de lado as cuestións que realmente resultan importantes para un sector estratéxico para a economía familiar da nosa comarca como este e, ademais, non podemos permitir que, en materia de ameixas, se confunda o touciño coa velocidade, ou non?

O touciño de Carril...

Te puede interesar