Unha pedra no camiño...

Unha pedra no camiño, sinalou que o meu destino era rodar e rodar…” forma parte da memoria colectiva dunha xeración que tivo nas populares “rancheiras” unha das bandas sonoras da súa mocidade e madurez persoal e que foron éxito iberoamericano no final dos anos 60 e 70, época na que estaban en pleno auxe as novas ondadas de emigrantes arousáns a México e Venezuela, cando non a Francia, Alemaña ou Suíza.
Comezaban a chegar de Andorra ou Canarias aqueles “radio-cassettes” e a proliferar aquelas cintas nos expendendores dos bares con música “rancheira” que envolvía calquera ambiente do momento, sendo as letras das cancións un compendio de amor e desencontro propios da época.
Pois resulta que estes días outra pedra volve a estar de actualidade cunha serie de serenatas que teñen como protagonistas a dous rexedores da comarca, a Gonzalo Durán, alcalde de Vilanova de Arousa e ao seu homólogo de Vilagarcía, Alberto Varela, que como dous “galos de pelexa” están a reclamar para si a competencia para resolver un problema ocasionado polas primeiras choivas intensas do outono, responsables do desprendemento dunha rocha que invadiu e inutilizou un acceso ao Hospital do Salnés moi usado polos veciños de Baión.
Di o refrán que o home (e o alcalde, tamén) é o único animal que tropeza dúas veces coa mesma pedra e algo de razón ten este dito cando asistimos a un problema de competencias onde o que se substancia non é a capacidade individual de cada un dos protagonistas en producir testosterona senón en resolver un problema de comunicación viaria entre dous concellos veciños.
Ao parecer, agora o problema está en determinar quen ten competencias sobre este vial, se o Concello de Vilagarcía, que decidiu pechalo de momento ao tráfico á espera dun informe sobre a súa seguridade, xa que está no seu termo municipal; a Deputación de Pontevedra ou Fomento, como defende o alcalde de Vilanova, Gonzalo Durán, quen de xeito expeditivo, ao estilo Aznar ou Federico Trillo (“tiñamos un problema e solucionámolo…”),  nin corto nin perezoso contratou unha máquina para deixar expedito o vial para uso dos seus veciños, ante a sorpresa das autoridades municipais vilagarciás.
En fin, con este tema, de gran calado, “pedra de toque” da política local botaremos aínda uns días buscando a auténtica “pedra rosetta” que desentrañe o modelo de entendemento entre administracións públicas de distinta cor política mentras o común dos mortais segue a escoitar na lonxanía aquela vella canción que ten como estribillo “… sigo sendo o rei…”, ou non?

Unha pedra no camiño...

Te puede interesar