Sinerxias turísticas...

o peche de celebracións do entroido da paso á Cuaresma e, coa chegada da Semana Santa, o inicio oficial da temporada turística para as comarcas arousás. Conscientes deso desde a Mancomunidade do Salnés seguen impulsando iniciativas de carácter transversal apostando por implementar sinerxias que favorezan o noroeste da Península Ibérica como xeodestino para mercados turísticos internacionais.
Ben é sabido o esforzo do presidente da Mancomunidade, Gonzalo Durán, e do xerente da mesma, Ramón Guinarte, en abrir mercados cara o norte de Europa e Rusia. Famosas foron as súas incursións detrás do “Telón de Aceiro” aproveitando a celebración das diferentes edicións de Fitur en Madrid.
Agora o esforzo vai máis alá. Impulsar o Camiño Portugués a Santiago e a Variante Espiritual, ademais da Ruta do Pai Sarmiento, da man doutros elementos fundamentais da promoción turística da nosa zona de influencia como son Pontevedra, Oporto e o Norte de Portugal son medidas estratéxicas conxuntas de grande interese e prometedor futuro.
Aproveitar o tirón do Ano Santo Xacobeo, no que está xa a traballar a Xunta de Galicia aínda que se celebre no 2021, é unha boa escusa para comezar a artellar vencellos baseados no interese común para multiplicar resultados a través dun esforzo coordinado.
Todo esto paréceme moi interesante, pero quizás boto en falla unha estratexia específica con outro grande do turismo na nosa zona de influencia como é a Mancomunidade de Arousa Norte, que aglutina a oferta turística da bisbarra do Barbanza, fundamentalmente, e que parecera que se vira máis como unha competidora en lugar de ser un destino complementario e integrador en base á Ría de Arousa como suxeito protagonista do polo de atracción do mercado turístico ao que se pretende conquistar.
O turismo náutico, sobre o que está volcado Portos de Galicia, co seu presidente José Juan Durán ao frente, e a propia Axencia Galega de Turismo, de Nava Castro, é outro pé que encaixa perfectamente nesa sinerxia que boto en falla e que uniría ás nosas comarcas, sen esquecer tampouco o turismo termal, o turismo verde, o turismo de experiencia e a gastronomía que atesouran as nosas comarcas sen deixar atrás tamén o termalismo abandeirado de municipios tan emblemáticos neste tema como Caldas de Reis e Cuntis.
O movemento se demostra andando e este é un bo comezo, pero non sería mala idea que evitáramos que as “ramas” do localismo e a visoñez política neste tema tan estratéxico e importante para o futuro económico da nosa xente non nos deixara ver o bosque, ou non?

Sinerxias turísticas...

Te puede interesar