Un si, pero non...

No momento de escribir esta opinión para Diario de Arousa sigo estupefacto como Cataluña chega tarde (unha hora) á súa “cita coa Historia”. Puigdemont supérase a si mesmo neste esperpento político sin sentido onde convoca ao Parlament para facer unha declaración de independencia subrogada a través dunha proposta á cámara autonómica para unha inmediata suspensión da mesma a modo de “visto e non visto”, como si dun auténtico prestidixitador se tratara. Como si fora un deses magos chuscos de feira, fixo unha especie de xogo de mans que deixou coa boca aberta a propios e estranos.
A cara dos independentistas concentrados diante das portas do Parlament era un auténtico poema cunha sensación de baleiro indescritible. Pasaron de inmediato da algarabía propia e esperada dunha proclamación da República Independente de Cataluña a escoitar do seu propio promotor que se deixara en suspenso no mesmo instante do seu nacemento agardando mellores momentos para levala a cabo en función dunha hipotética negociación que sabe que nunca vai chegar.
Para esta viaxe facían falla semellantes alforxas? Era necesario tensar tanto a corda, buscar o enfrontamento e a fractura social entre cataláns que pensan dun xeito e outro para chegar a este final? Nas redes sociais as mocidades das CUP xa se apresuraron a tildar de “traidor” ao Molt Honorable Puigdemont e razóns non lles falta porque para facer o que escenificou no Parlament fixo que moitas persoas, levadas pola euforia secesionista e un sincero desexo de conseguir un estado catalán independente, se sentiran enganadas.
Por outra banda, que outra saída lle quedaba si sabía a ciencia certa que tódolos argumentos que por activa e por pasiva repetían os independentistas, co paso do tempo e pola vía dos feitos (a marcha a chorros de bancos e grandes empresas de Cataluña así o poñía en evidencia) ían decaendo?
Non hai apoio internacional, ninguén apostaba por recoñecer á nova República, nin siquera Venezuela, a Unión Europea aseguraba que Cataluña quedaría fora do mercado común, o Banco Central Europeo e o FMI, así como as auditoras internacionais falaban da bancarrota á que estaba condeado este “procés”, sin falar da falla de garantías democráticas do referendo, da lexitimidade do mesmo e, sobre todo, tra-la mobilización social do pasado domingo con centos de milleiros de persoas manifestándose contra o independentismo polas rúas de Barcelona (un millón segundo os convocantes e 400.000 segundo a Policía, en fin, moitísima xente).
Saír do atolladeiro no que se meteu o independentismo era moi difícil e a saída que escolleu Puigdemont lonxe de ser unha solución vai ser a orixe de maior inestabilidade porque non hai peor arreglo que unha solución que non contente a ninguén, ou non?

Un si, pero non...

Te puede interesar