Unidos contra a Velutina...

Nunca é tarde cando a dita é boa, pero cando falamos da “rapidez” e capacidade de reacción da administración pública ante un problema sempre temos que relativizar os tempos de intervención e acabar por decatarnos de que non son os mesmos ritmos o da actividade do común dos mortais coa burocracia administrativa do noso país.
Onte a Xunta de Galicia fixo entrega á Mancomunidade do Salnés dun vehículo especialmente adaptado á loita contra a plaga do picudo vermello e a famosa velutina que non digo que non estea ben a medida, pero quizais chega, como sempre, un pouco tarde.
Se vostede se dá unha volta pola comarca do Salnés verá como as palmeiras que no seu momento luciron con esplendor e realce de vilas e caseríos hoxe están de capa caída e nunca mellor dito. A imaxe que se ofrece é de especies en total abandono á súa sorte e coas polas baixas, marróns escuro, como preludio dun fatal desenlace.
Estes días, nos que o forte vento das distintas cicloxéneses explosivas que teñen pasado pola nosa bisbarra, temos a oportunidade de ver como as árbores foron desprendéndose das súas follas ata quedar totalmente espidas amosando un panorama desolador marcado pala aparición de grandes niños, como enormes bombos, que penduran das polas de moitos carballos e especies frondosas de folla caduca.
Agora resulta evidente a presenza das dúas plagas, a do picudo e a da velutina, e lonxe quedan aqueles berros dos apicultores que dun xeito desesperado falaban da necesidade de tomar medidas preventivas para defender ás nosas abellas autóctonas dos embites malignos protagonizados pola gran velutina vida desde Oriente, como os Reis Magos, pero en lugar de chegar cargadas de regalos fanno con mensaxes de destrución e ruina para as produtoras de mel e tamén para as grandes polinizadoras da nosa comarca, responsables da capacidade reprodutiva de entre outras, as prezadas vides que dan orixe a unha das economías máis puxantes do noso entorno como é a viticultura e a vinicultura.
O dito, benvido sexa esta iniciativa que chega cando xa é máis que evidente que temos un grave problema difícil de combatir que sería máis doado facelo na súa fase inicial cando ecoloxistas e apicultores advertían do serio perigo que se nos viña enriba, pero que chocaron coa habitual e indolente burocracia administrativa que non ve máis alá que cando xa os problemas son un mal endémico, ou non?

Unidos contra a Velutina...

Te puede interesar